A aldea do Vilar, arrasada polo lume, é o símbolo máis potente da desfeita vivida no noso país nos últimos días. Non serve de moito atribuírmos o incendio aos raios dunha inesperada treboada de verán, coma se fose un destino tráxico. Cómpre procurarmos solucións colectivas a un problema real que ameaza con destruírnos do peor xeito.
O Courel ocupa, no corazón de moitas de nós, o lugar desa Grande Fraga da que falaba Ferrín en Retorno a Tagen Ata. Nesta obra hai fermosísimas descricións: «Tripei na herbiña mol, desfixen mundos de fentos cos meus pés e sentín as botas molladas polo orballo. Toda a selva brillaba, despois da poalla noitébrega, cunha estreliña en cada folla». O escritor emprega as fermosas palabras que o galego ten para denominar a natureza: «Está formada por especies de tipo boreal, e habitada por unha fauna de donicelas, esquíos, pitas do monte». É estarrecedor asistirmos á destrución desta paisaxe, unha miríade de seres vivos que conforma un reservorio único. As nosas bágoas deberían caer coma unha enxurrada sobre o lume.
Non podo imaxinar unha causa colectiva na que sexa máis importante investirmos as nosas forzas que na de preservarmos o noso territorio, a nosa paisaxe, a tona vexetal deste mundo que nos rodea e as casas daqueles de nós que teimaron en ficaren, fronte ás dinámicas dun mundo que promove a urbanización e concentración poboacional, nas nosas aldeas, onda as nosas fragas. Somos un país atlántico. Cómpre escollermos con sensatez as especies, fixarmos poboación no territorio, traballarmos na prevención e na extinción, o que faga falta para non acabarmos co corazón renegrido e queimado. O outro é inmolármonos colectivamente nunha pira.