A Deputación de Lugo capta 500.000 euros de fondos europeos para apoiar a dixitalización das pemes

La Voz LUGO

LUGO

A deputada Pilar García Porto
A deputada Pilar García Porto CEDIDA

A xunta de goberno aprobou crear unha oficina fixa nas dependencias provinciais ademais doutras cinco móbiles

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento de medio millón de euros que conseguiu captar de fondos europeos para desenvolver o proxecto Acelera pemes, unha iniciativa destinada a fortalecer o tecido empresarial da provincia, sobre todo do rural. Así o informou a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto, que explicou que grazas a este investimento, a Deputación ofrecerá apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas en materia de transformación dixital.

García Porto anunciou que o pasado luns a entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, comunicou a súa decisión de conceder á Deputación de Lugo a totalidade dos fondos que lle solicitara no mes de febreiro para sacar adiante este proxecto. Unha axuda que ascende a 400.000 euros e que a Deputación de Lugo complementará con outros 100.000 euros para poder desenvolver este programa.

Asegurou Pilar García Porto que o asesoramento ás pemes «será totalmente gratuíto para as empresas, e será personalizado, é dicir, adaptarase ás características e necesidades de cada negocio para que, desta forma, lles sexa realmente útil».

Que inclúe o proxecto

Este proxecto contempla unha oficina de asesoramento que terá unha sede física nas dependencias da Deputación; unha sede virtual e, a maiores, terá presenza en todo o territorio da provincia a través dunha rede de cinco oficinas móbiles: na Mariña, na Chaira, na zona centro, na Montaña e na zona sur para ofrecer unha atención próxima e eficaz.

A deputada Pilar García Porto explicou que o programa se desenvolverá en tres fases: a primeira será de difusión do proxecto, para chegar ao máximo número posible de empresas; outra para implantar a rede de aceleradoras; e unha terceira fase para xestionar o servizo.

A Deputación de Lugo, sinalou a deputada, traballará, «como facemos sempre», da man dos concellos e do tecido produtivo. A coordinación dependerá da área provincial de Promoción Económica e Social, integrando na iniciativa ás asociacións de empresarios, comerciantes e outras entidades que traballan para o desenvolvemento da provincia, como a USC.

García Porto destacou que co proxecto Acelera pemes «daremos continuidade a un apoio que xa estamos dando a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, que ten tamén o obxectivo de axudar de maneira gratuíta aos autónomos e ás pemes da provincia a mellorar o seu negocio a través da dixitalización, e que está funcionando moi ben».