
O Vello Cárcere acolle dende o día 22 unha mostra sobre o grupo que popularizou a canción galega
14 oct 2022 . Actualizado a las 18:12 h.Música feita en Lugo e música convertida xa en historia da cultura galega. A traxectoria de Fuxan os Ventos, grupo xurdido en 1972, amosarase na cidade que viu nacer o grupo. O Vello Cárcere acollerá, do 22 deste mes ao 22 de xaneiro, unha mostra cun título sinxelo e asemade revelador, «Fuxan os Ventos. 50 anos de historia». Fotografías, cartaces, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos compoñen o material que se expoñerá aos visitantes.
O día elixido para a inauguración ten un fondo significado. O 22 de outubro de 1972, na praza da Catedral de Mondoñedo, o grupo acadou o primeiro premio no Cancioneiro das San Lucas, organizado dentro das feiras e festas da cidade. O nome da formación era daquela Folk 72, e «Fuxan os Ventos», o título da canción gañadora. O grupo cambiou de nome e comezou unha traxectoria na que figuran discos tan coñecidos coma «Galicia canta ó neno» ou «Sementeira». O primeiro levou o mesmo título ca o da canción premiada en Mondoñedo en 1972.

A historia de Fuxan os Ventos inclúe moitos nomes. Ademais dos músicos cómpre lembrar ao crego Xesús Mato, que participou na fundación do grupo, e ao xornalista Luis Álvarez Pousa, autor da letra de «Sementeira». Pero tamén nos 50 anos do grupo tén un lugar salientado Manuel María (1929-2004), pois unha das cancións máis coñecidas de Fuxan os Ventos é «O carro», coa letra tomada dun poema do escritor de Outeiro de Rei, incluído no libro «Terra Chá».
O final da década dos oitenta supuxo o remate de anos de actuacións, aínda que tamén houbo reaparicións tan illadas coma aplaudidas: o grupo, por exemplo, actuou en Guitiriz, dentro do Festival de Pardiñas, no 2007, ou en Lugo, no San Froilán do 2009.

Anos despois publicouse o disco «Terra de Soños», no que se recompilan algunhas das máis coñecidas cancións dun grupo que non foi alleo ás cuestiós sociais, culturais e mesmo políticas da Galicia recente. O grupo segue activo e vén de ser distinguido nos Premios Martín Códax.
Itinerante
A exposición que se inaugurará en Lugo está organizada pola Xunta e polo Concello de Lugo, coa colaboración do Consello da Cultura Galega. A mostra terá caracter itinerante grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.