Ai dos vencidos!

xulio xiz

LUGO

28 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Diante duns comicios, móllanse os políticos, salpícannos aos votantes, e tárdanos o Día D para votar e sosegarnos. Nos albores democráticos, os partidos disparaban estratexias, fogos de artificio, «desempolvaban» promesas e realizacións, ateigábannos de mitins, pancartas, sorrisos e ledicia libertaria… e, coñecido o resultado, o gañador a gobernar e colocar aos seus e o perdedor a lamber as feridas, feito leal oposición.

Co pasos dos cuatrienios, as eleccións —«sangue, suor e bágoas»— son xa loitas a morte das que dependen facendas e vidas, pois moito porvir laboral e familiar se xoga ao depositar os votos.

Tito Livio asigna a Breno, galo vencedor de Roma, o «Vae victis» que 25 séculos despois segue vixente: «Ai dos vencidos!». Daquela nas guerras, agora nas complexas eleccións que cada unha esixe catro anos de estratexia.

«La tierra, para quien la trabaja», proclamaba Zapata na revolución mexicana. A «Falanxe auténtica» aumentou: «La tierra y la empresa para quien la trabaja». E habería que certificar que «A política para quen a traballa», pola profesionalización do seu exercicio e a exclusividade de participación a través de media ducia de opcións.

Aínda sen convocarse as eleccións, o ambiente político é febril. E diante do despregue frenético da candidata do PP e a constancia presencial do BNG, ata a alcaldesa sae do despacho, e os Medios non dan feito para atender tanto dinamismo, superado só polo desenfreo da Deputación por facernos comulgar con tanta eficacia investidora. E o votante, a velas vir, agardando que escampe.