Fusco e o orgullo do propio

María L. Sández

LUGO

28 mar 2023 . Actualizado a las 17:43 h.

Vén de emprender a súa derradeira viaxe Fusco, ese fermoso animal que se converteu en imaxe da beleza do pastor galego, do can de palleiro, que ficou inmortalizado no audiovisual e amosou ao mundo ata que punto podemos caer no autoodio, como manifesta a designación de “can de palleiro” entendida no seu sentido pexorativo.

A min gustábame, xa antes de ter a miña cadela, escoitar a Octavio Villazala falando de comportamento animal na Radio Galega; máis a chegada de Chispa ensinoume a superar medos absurdos e mudou moitísimo o meu xeito de ser. Mesmo cando fuxía de calquera can que se presentase no horizonte, gustaba de oír ao Octavio, porque escoitar a unha persoa intelixente falar dun tema con paixón é sempre marabilloso, incluso se ese tema está lonxe de nós. Agora que podo imaxinar o baleiro inmenso que me deixaría a min a perda de Chispa, conmóvome con esta despedida, aos case 15 anos, na idade agardada para a súa especie, mais mesmo así dolorosa, claro está.

Octavio Villazala, desde o seu amor aos animais e o orgullo do propio, leva tempo reivindicando o can de palleiro, a súa dignidade como raza autóctona. Aí, mesmo sen que eu tivese mudado a miña relación cos cans, teriamos un punto de encontro, porque o que nos pasa cos cans -que admiramos un pastor alemán e desprezamos os pastores galegos-, pásanos coa lingua e a cultura. E o dos demais non é peor ca o noso, claro está, mais tampouco mellor; non se trata de chauvinismo absurdo, senón de termos claro que a pervivencia do noso depende de que nós termemos del. No fondo, defendermos o propio é a única maneira de defendermos a diversidade, o dereito á pervivencia da riquísima multiplicidade do mundo, natural e cultural. Cómpre despedirmos a Fusco, mais confortaranos que o can de palleiro siga entre nós, coa súa nobreza, coa súa singularidade, case coma un símbolo do orgullo recuperado.