A lección de Lesly

LUGO

13 jun 2023 . Actualizado a las 18:18 h.

Catro irmáns perdéronse na selva durante 40 días. A máis vella, de 13 anos; a máis pequerrecha, de apenas un. A súa supervivencia, logo de sufriren un accidente aéreo, nunha paisaxe hostil, pode ensinarnos moito. O instinto de supervivencia, o importante que é non sucumbir ao desalento, o valor dos saberes tradicionais, das culturas que aínda saben relacionarse co medio. 

A min, eses catro irmáns lémbranme á miña nai e os meus tíos: eran, tamén, tres nenas e un neno, con idéntica orde e distribución de xéneros e case coa mesma distancia de anos. Eles tamén tiveron que enfrontarse á súa selva particular, a do franquismo, a da posguerra dunha aldea do interior de Lugo, e iso fixo que se unisen na adversidade. A primeira vez que a miña nai viu o chocolate déranlle catro onzas e quixo chegar a casa con elas para compartilas, coa mala sorte de que se lle  pegaron nos dedos. O importante é que Lesly e Soleiny non só sobreviviron, senón que mantiveron con vida a un neno de catro anos e a un bebé que aínda non anda. Para eles, a supervivencia tería sido imposible sen a súa axuda. 

As novas case sempre nos poñen diante do peor da humanidade; máis ás veces son quen de facernos sentir que hai grandeza no mundo. A próxima vez que sintamos que estamos saturados, non estaría de máis lembrarmos o que fixeron estes catro irmáns logo da morte da súa nai. Seguro que estaría orgullosa deles. Nesta nova sociedade, supostamente tan avanzada, neste mundo de fillos únicos encerellados na selva das pantallas, estamos perdendo moitas cousas. Coido que hai moita menos felicidade que nas comunidades indíxenas das que estes nenos aprenderon a sobrevivir. E, ao vermos o que está acontecendo en casos extremos nos nosos centros comerciais, é imposible non cuestionarnos onde está a verdadeira a selva.