A cita musical baixou o pano con gran ambiente e moita participación
07 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Pardiñas nunca decepciona. Así se podería resumir o peche da edición número 44 dun dos festivais máis arraigados do verán e da cultura galega. A cita, organizada pola Asociación Cultural Xermolos, volveu ser un éxito de público e actuacións. A natureza, o baile e a música protagonizaron una comuñón perfecta durante os dous días que durou a cita festivaleira. Igual de exitoso foi xa o seu preámbulo do venres cos cantos de taberna.
Moita afluencia e un público que gozou son a foto fixa da xornada do sábado, na que houbo sitio para sons galegos, escoceses e franceses, e que deu paso este domingo a ritmos colombianos, bretóns ou valencianos.
Desta volta, a encargada de ler o pregón foi Sabela Núñez Singala. Houbo tamén a entrega dos premios do Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil, ademais da Mostra de Artesanía e da XXX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional. Un obradoiro de Xogos Bailados, con Luís Pego, foi tamén unha das propostas da última xornada.
Na parte musical, entre as actuacións máis agardadas estaban as de Caamaño&Ameixeiras + Caldo (Galicia), coa súa proposta innovadora, ou a de Xisco Feijóo, un dos nomes de referencia do panorama musical galego.
Pardiñas pechou o seu 2023 por todo o alto, e agora xa toca empezar a pensar no vindeiro.