O sábado pasado ingresou na Real Academia Galega, en Mondariz, como académica de honra, a estadounidense Kathleen March. Foi un día solemne e inesquecible, que se tinguiu da fonda emoción de oír o galego de Kathleen, con pouso de acento norteamericano, falando da internacionalización da nosa cultura. O seu discurso tamén nos achegou, en inglés, o recitado das súas traducións dalgúns dos poetas máis relevantes da nosa literatura, desde Rosalía ou Manuel Antonio a Luz Pozo Garza ou Xosé Luís Méndez Ferrín.
Segue a ser importante que figuras coma Kathleen March, que se achegan a nós desde fóra, que son e se fan galegos e galegas por decisión propia, nos devolvan un pouco de autoestima, axudándonos a vencer os prexuízos e facéndonos conscientes do valor do noso idioma. Kathleen creou a Asociación Internacional de Estudos Galegos, consciente de que a nosa cultura podía espertar interese e forza investigadora aquí e acolá, por todo o mundo, e conminounos a elaborar pequenos libros-arte nos que os turistas que nos visiten, no canto dun souvenir calquera, poidan levar un anaco da nosa literatura, bilingüe e ilustrada, como un pequeno avionciño de papel que nos permita viaxar polo mundo.
O mes vindeiro, de volta nos Estados Unidos, Kathleen participará no IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, que se desenvolverá en Lubbock (Texas) entre o 19 e o 22 de outubro. Alí falarase de lingua e literatura galegas, de estudos de xénero, de identidade, de globalización e migración, de paisaxe e de ecocrítica. O evento vai congregar a moitos estudosos da nosa cultura no continente americano e tamén a moitos de nós, que viaxaremos aló para nos atopar, lonxe, mais sempre arredor do facho da cultura galega. Parabéns a Kathleen, que chorou de emoción entre nós. E grazas, sempre.