2 días, unha causa

LUGO

20 feb 2024 . Actualizado a las 16:50 h.

Que a UNESCO escollese o día 21 de febreiro como Día Internacional da Lingua Materna non ten nada que ver co feito de que Rosalía nacese nese mesmo mes, apenas dous días despois. Mais a feliz coincidencia fai que celebremos nesta semana o día da lingua materna e o día de Rosalía. Que mellor ocasión, pois, para lembrar a magnitude do labor Rosalía, tan difícil de valorar distanciados do tempo e das circunstancias nas que o fixo. Escribir nunha lingua para a que carecía de modelo escrito, descoñecida naquela altura a brillante produción lírica medieval, é unha tarefa de enorme dificultade. E o que fixo non foi escribir calquera cousa, senón un dos cumes da produción lírica do XIX, demostrando que a que fora deostada como lingua do pobo e afastada dos usos administrativos e cultos era unha lingua de pleno dereito, que ela arrefeceu co seu talento.

A UNESCO estima que cada dúas semanas se perde unha lingua do mundo. Un constante e lento esmorecemento que fai o noso mundo un chisco máis pequeno e pobre. Asistiremos nas nosas vidas a unha grande extinción biolóxica e tamén a outra lingüística e cultural. Que cando remate o século non se consume a perda da metade da diversidade lingüística do mundo, como sinalan os agoiros, depende de que en cada territorio se abrace a lingua materna, a que nos ancora ás nosas raíces, a que nos compromete coa diversidade global, mesmo daquelas linguas que non coñecemos mais das que tamén nos doe a perda.

Rosalía fixo no seu tempo unha triple reivindicación: paisaxística, lingüística, antropolóxica. Reivindicou a nosa dignidade, a do territorio e a da lingua. Tampouco aceptou o sistema de valores que marcaba á muller como ser inferior. Por iso merece sempre o noso recoñecemento. Fermoso que nacese neste mes no que se albisca a primavera, no que tamén se enxalza a lingua materna.