Don Xesús

Antón Grande

LUGO

19 abr 2024 . Actualizado a las 19:09 h.

O profesor Alonso Montero, don Xesús para moitos lucenses e especialmente para os seus ex alumnos, recibiu onte cumprida homenaxe nesta cidade onde exerceu o seu maxisterio, non dun xeito calquera senón deixando un ronsel que frutificaría ao longo dos anos, con nomes destacados na literatura, no xornalismo, ou nas letras en xeral.

Aló nos comezos dos anos 70 tiven a sorte de ser alumno de don Xesús, a quen xa coñecía por ser veciño seu no barrio de Recatelo e por militancia política compartida. Fun daqueles estudantes que cursamos un dos primeiros COUs, que nos obrigaba a cinco materias fixas e outras tres optativas. Unha destas últimas, das escollidas por min loxicamente, foi Literatura.

Alí, naquela aula, coincidimos ao tempo un grupo de rapaces, entón uns incipientes escribidores, como Claudio Rodríguez Fer, Xulio Valcárcel, Paco Campos e Xavier Rodríguez Barrio. Dende o primeiro día don Xesús non deixou de sorprenderme. Eu que viña dos maristas, afeito a outro sistema de estudar literatura, topeime cun profesor que non só ensinaba os movementos literarios, comentaba aos autores e obrigaba a ler libros, senón que traía á aula aos escritores. Un día sorprendeunos coa presenza de Paco Martín; outra tarde veu acompañado de Novoneyra, inesquecible coa súa grave voz. Non quedaba aí a cousa. Noutras das clases aparecía cun tocadiscos para que escoitásemos, por exemplo, a Paco Ibáñez musicalizando a Antonio Machado ou Blas de Otero, ao tempo que criticaba ou comentaba. Con todo isto, Alonso Montero fíxonos amar, aínda máis, a literatura. Grazas, don Xesús.