Caixa Rural Galega tivo no 2023 un récord de beneficio neto: 21 millóns de euros

la voz LUGO

LUGO

Asemblea xeral de Caixa Rural Galega
Asemblea xeral de Caixa Rural Galega CEDIDA

A asemblea xeral aprobou as contas, que foron positivas polo incremento dos tipos de xuros, e sinalan que a entidade ten boas perspectivas de futuro

11 may 2024 . Actualizado a las 19:18 h.

Caixa Rural Galega celebrou onte a súa asemblea xeral anual coa presenza do consello reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das xuntas preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Pontevedra, Melide, Antas de Ulla, Lugo e Vilalba.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2023, das que destaca un beneficio neto que superou os 21 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 140 % respecto do ano anterior e novamente unha cifra récord para a entidade con sede social en Lugo.

Este incremento, sinala a caixa, é debido á mellora de marxes froito da subida de tipos de xuro oficiais que levou a cabo o Banco Central Europeo ao longo do exercicio, «así como á rapidez e intensidade desta subida». Unha situación, explica, «moi diferente da de anos anteriores na que os tipos de xuro negativos penalizaban de xeito significativo as contas de resultados do sector».

Os activos

As contas recollen uns activos que superan por primeira vez os dous mil millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 3,50 % respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes acadan os 1.842 millóns de euros e a inversión crediticia acada 851 millóns de euros, en termos netos, «o que supón uns incrementos para ambas partidas do 5,6 % e do 3,1 % respectivamente». A inversión crediticia bruta acadou os 867 millóns de euros, cun incremento de 37 millóns, o que supón un 4,47 % respecto do exercicio anterior.

E a morosidade pechou o exercicio no 2,71 %, algo inferior á do exercicio anterior e por baixo da media do sector, «algo a destacar nun contexto de subida de tipos de xuro, inflación e incertezas no ámbito internacional».

A asemblea xeral de Caixa Rural Galega destacou que a ratio de solvencia acadou o 19,01 %, cunha mellora de máis de tres puntos porcentuais respecto do ano anterior, «debido ao excepcional resultado, o que permite superar con folgura os requirimentos do regulador». Esta mellora, explicaron, « afianza a fortaleza da entidade de cara seguir medrando no futuro». 

Cambios no mundo

O presidente da entidade, Manuel Varela, lembrou que «estamos ante tempos de importantes transformacións como a desaceleración da globalización ca volta a comportamentos máis proteccionistas, a loita contra o cambio climático, a transición enerxética, a transformación dixital, a aparición de novas tecnoloxías como é o caso da Intelixencia Artificial, ou mesmo o envellecemento da poboación en Europa».

Todo este panorama, sinalou, xunto ás crecentes tensións internacionais, coa guerra de Ucraína sen resolver e o recente conflito en Oriente Medio, «implican grandes retos para o futuro, pero tamén traerán consigo importantes oportunidades que a Caixa deberá ser capaz de aproveitar».

Destacou que o ano 2023 foi un ano excepcional para a entidade polo resultado acadado que permite un destacado incremento da solvencia. Comentou que este importante crecemento produciuse porque a entidade estaba especialmente preparada para unha subida de tipos, entre outras cousas porque entendía que este é un escenario máis normal, aínda que chegara máis tarde do esperado.

En relación ao futuro, a entidade espera que o ano 2024 seguirá sendo incerto pola desaceleración económica, a inflación e polo complexo escenario político nacional e internacional, pero espera seguir medrando e acometer a apertura de novas oficinas. Prevé baixadas de tipos na segunda metade do ano pero sen volver a niveis dos anos precedentes.

Para finalizar, e en nome do consello reitor, Manuel Varela trasladou agradecementos aos presentes e aos empregados da entidade, así como moito ánimo para continuar o camiño da Caixa Rural Galega, «coa firme convicción de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia, desde o poder transformador da cooperación e a solidariedade, valores que están arraigados no corazón mesmo da Caixa Rural Galega».