O horto escolar de Triacastela que nace para plantar, coidar o medio e aprender matemáticas
LUGO
O CEIP Eduardo Vila de Triacastela xa ten listo o Horto do Oribio, feito con materiais reciclados e que se integra nas actividades de Voz Natura
17 may 2024 . Actualizado a las 23:01 h.Ao programa educativo diario do colexio de Triacastela súmase agora unha tarefa máis. Os alumnos teñen que atender e coidar o Horto do Oribio. Un espazo formado por dous bancais de madeira cheos de terra e un canalón para sementar fresas, leitugas, cabazas, pementos, allos, fabas e verzas. Fíxose con materiais reciclados e sacados de anteriores obras do centro.
Dende o centro armáronse de ferramentas para poder cultivar o horto. Divididos en cinco equipos, os alumnos túrnanse para coidalo e facer as tarefas básicas durante o horario lectivo. Regar, sachar, vixiar a terra e ir aumentando a colleita son deberes como calquera outros no colexio de Triacastela, que destaca polo seu vínculo co rural. Fai pouco, inauguraron tamén unha aula da natureza para desenvolver actividades ao aire libre.
Segundo explica o director do centro, Alejandro González, o coidado do horto intégrase como un recurso didáctico máis do centro: «Tamén aprenden matemáticas porque contamos as plantas, medimos o que medraron...». Ademais, moitos dos nenos teñen horto nas súas casas, polo que non lles resultan tarefas descoñecidas.
Polo momento, no horto xa se ven medrar as primeiras plantas. Agora os alumnos, acompañados dos docentes, irán coidando e mimando nelas ata poder recoller os froitos. Di Alejando González que esta actividade serve «para ensalzar, unha vez máis, as oportunidades que nos brinda o rural».
As actividades de educación ambiental do colexio de Triacastela encádranse na iniciativa Naturacción, englobada en Voz Natura, un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a Diputación de A Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.