








A ruada 1900, organizada pola Asociación Cultural Abrente, recolleu o espírito de hai cen anos cun gran ambiente na vila
17 ago 2024 . Actualizado a las 21:08 h.As Nogais retrocedeu onte no tempo para revivir as tradicións de inicios do século XX. A terceira ruada 1900 da localidade, organizada pola Asociación Cultural Abrente, deixou unha xornada chea de cultura, música e actividades históricas, dende xogos populares, representación de oficios tradicionais e gastronomía típica ata obradoiros de instrumentos. A tarde comezou con Alba María, unha artista que ofreceu para todo o público un obradoiro e mostra de regueifa, cantos improvisados e rimados da tradición popular oral. Ao mesmo tempo, algún dos homes máis maiores fixeron os fachóns, que se queimaron poñendo fin á xornada, despois da queimada e a foliada. Tamén algunha das mulleres teceu como antigamente e outras venderon roscas ou queixo.
As sete da tarde a música puxo o toque á ruada de 1900 coa presenza de diversos grupos. Actuou a Asociación Cultural Abrente, Airiños do Neira, os Xardois, a Banda das Nogais e a Banda de Gaitas Vega de Espinareda, do Bierzo.
Despois, xa de cara á noite, e para non perder o costume, fíxose o baile das sortes que, como o seu nome indica, é para iso, para atopar parella con sorte. Metendo nun saco o nome das solteiras, e noutro o dos solteiros, a sorte e o azar determinaban o futuro amoroso dos presentes. Ao final da noite houbo pancetada e chourizada e pecharon as actividades coa actuación do grupo Ailá.
A Asociación Cultural Abrente tivo ao apoio da Asociación Vía Künig, do Concello das Nogais e da Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación. E colaboraron na festa a Asociación de Mulleres Conavia, a Asociación As Bulidoiras, a Asociación de Empresarios das Nogais e a comisión de festas das Nogais.