Diego de Andrade e a Santa Compaña, en Vilalba

XOSÉ A. POMBO

LUGO

Escudo dos Andrade, na fortaleza da capital chairega que hoxe é parador
Escudo dos Andrade, na fortaleza da capital chairega que hoxe é parador

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por Defuntos deste ano, por Vilalba adiante, aparecéusenos Diego de Andrade. Viña da súa sepultura de Monfero canda outros alí enterrados da súa liñaxe. Un deles, o seu pai, Fernán Pérez O Mozo, viviu e padeceu aqueles tormentosos anos de 1467-1469, cando se lle rebelaron parte dos vasalos, algúns fidalgos aspirantes a rendeiros e algún ecelesiático que non lle tiña simpatía ao arcebispo Fonseca. Era unha estadea que daba moito que ver.

Tras pasar a Porta de Cima, deixando atrás a praza Maior, peregrinaron os espíritos pola rúa Principal e alí, acaroados á casa onde viviu Mato Vizoso, pasmaron ao ver a situación lamentable e deixada dos edificios acaroados ao que fora privilexiada testemuña da circulación de mercadorías, riquezas, ideas e, polo tanto, da chegada do auténtico progreso. Tras dar volta e subir pola Roxeira, xa na praza do Pan, observaron que non existían os muros e defensas que protexían o castelo e a torre da homenaxe.

Notaron a ausencia do escudo emblemático da liñaxe Andrade que presidía a porta do que fora un magnífico castelo que o propio Diego mandara reconstruír tras do derrubamento do vello que se producira naquel recordado 1467 cando os Irmandiños, dirixidos por Alonso de Lanzós, parente da familia, puxeron lume á fortaleza sendo Nuno Freire o xefe da liñaxe. Seguiron polo camiño noutrora chamado rolda do Castelo, onde Valeriano Valdesuso se encargou de derruír parta da muralla para facer casas alí.

Foi alí cando viron, sostido por fortes cravos, ancorado aos rexos muros da torre da homenaxe, que campaba o escudo emblemático que o propio Diego mandara colocar presidindo a porta de entrada da fortaleza cando acabaron as obras de reconstrución aló polo ano 1485, cinco antes de morrer. Durante séculos foi todo un símbolo do poder da liñaxe Andrade e marcou un fito histórico que serviu de recordario a veciños e viaxeiros.

Adornábase, seica, cunha abatida flor de hotensia e algunhas outras xa secas. Algún moderno recordou que o tal escudo pasou a formar parte do pozo dunha casa veciña aló a finais do século XIX. Outro tiña noticias de que, rescatado do pozo, foi colocado alí para ser conservado e para que servise de recordo e lección de sucesos pasados. E toda a estadea observou como o paso do tempo, unido á inactividade das autoridades locais responsables do patrimonio histórico e cultural, fixeron que a finalidade do escudo, o ser testemuña da historia, pasase ser un criadeiro de calquizo que, por ser planta que enraíza no feldespato da pedra de gran, provoca que as figuras alí gravadas vaian esfarelando. Hoxe é difícil observar os relevos esculpidos hai máis de cincocentos anos e que marcan o ano 1485.

A Compaña, non sei se santa ou non, pero calada, foise indo sen alboroto. Se cadra irían cavilando na responsabilidade dos que teñen a obriga de gardar a memoria histórica da vila, o que custaría poñer un beiril para que o escudo de Diego de Andrade, ou Fernández de Andrade, non sufrise as inclemencias da choiva, o que valería limpar o calquizo ou musgo de xeito adecuado e o adecuado que sería o incluír un cartel explicativo adecuado e informado.

Claro que para iso poida que haxa que chamar algunhas empresas de fóra, que son as que saben, seica.