Podes volver facelo

LUGO

11 dic 2024 . Actualizado a las 19:49 h.

Este martes, a experta en comunicación Mar Castro pronunciou, en Lugo, unha conferencia sobre a comunicación con pacientes oncolóxicos. Trátase dunha situación na que todos comprendemos a importancia do dicir, de como facelo, de ata que punto as verbas poden ser ferramentas que apontoen a nosa forza ou nos destrúan.

A véspera, o luns 9 de decembro, na afastada cidade asiática de Singapur, tivo lugar a duodécima partida da final do campionato do mundo de xadrez. O chinés Ding Liren e o indio Gukesh Dommaraju enfrontábanse polo título. Ao comezar o encontro ao mellor de catorce partidas, case todos deron por perdido ao vixente campión. Era lóxico. Dera, ao longo da temporada, reiteradas mostras de debilidade psicolóxica. A impresión de que sucumbiría perante o candidato, de tan só dezaoito anos, medrou exponencialmente cando, a tres partidas do remate, Gukesh asinou unha vitoria que lle fixo tomar a dianteira. As redes sociais ferveron con mensaxes que agoiraban o colapso definitivo do chinés e dérono de novo «por perdido. Mais á luz do acontecido onte, semella que esas mensaxes non chegaron aos seus oídos. A súa actuación foi tan brillante que algúns falaron do «mellor Ding Liren da historia» e, na rolda de prensa posterior á partida, prescindindo por completo de calquera caste de grandilocuencia, referiuse á persoa que o acompaña nos torneos: «A miña nai deume confianza. Díxome que o fixen a última vez, que podo volver facelo».

En todas as historias de maxia o poder recae na palabra. A palabra que é quen de transformar e de crear; a palabra que se converte en feitizo. Pero é obvio que nas verbas da nai de Ding Liren había algo máis do que pode deducirse da súa fría e incompleta transcrición: o vínculo, o coñecemento, o ton particular de quen as articula, a sonoridade da lingua (distinta daquela na que nos chegan), as coordenadas dun espazo metafísico que só lles pertence a eles dous. O encontro non rematou. Fican dúas partidas. O match está agora igualado. Mais esta historia lémbranos a importancia da palabra. Aquí, en Singapur e en todas as loitas do mundo.