Un Nadal con moita reciclaxe no colexio público de Oural

Francisco Albo
francisco albo LUGO / LA VOZ

LUGO

Alumnos do colexio de Oural con elementos decorativos de Nadal elaborados con materiais reciclados
Alumnos do colexio de Oural con elementos decorativos de Nadal elaborados con materiais reciclados CEDIDA

O centro educativo aproveita as festas para fomentar entre os seus alumnos a recuperación de materiais de refugallo dentro das actividades de educación ambiental do programa Voz Natura

22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto que se desenvolve durante este curso no colexio público Antonio Fernández López, na localidade de Oural —no municipio de Sarria— dentro do programa de educación ambiental Voz Natura leva o nome de «Obradoiros sostibles». A reciclaxe de cartóns, a cociña e as instalacións eléctricas son algunhas das súas temáticas. «Facemos fincapé en todo o proceso, desde a materia prima necesaria para a súa elaboración á concienciación sobre a importancia do aproveitamento dos recursos, evitando o consumismo excesivo», explican os profesores. Algúns destes obradoiros desenvólvense no patio do centro educativo.

Para a celebración do pasado Samaín, os alumnos decoraron o colexio aproveitando diferentes materiais de refugallo que trouxeron das súas casas. «Sempre contamos cun gran apoio por parte das familias», din os docentes. Seguindo o mesmo principio de fomentar a reciclaxe de materiais usados, para as festas de Nadal traballouse na decoración do colexio con pezas elaboradas con cartón. «O material de refugallo tamén é a base da decoración da árbore de Nadal e da composición do belén», sinalan os docentes. Nestas últimas semanas, por outro lado, o claustro profesoral participou nun curso de impresión en tres dimensións no que permitiu comprobar as posibilidades que ofrece unha impresora deste tipo da que dispón o colexio. «Con ela podemos obter pezas para facer construcións de grandes dimensións e como exemplo construímos un reno cun trineo», engaden os profesores.

Durante esta temporada, así mesmo, leváronse a cabo outras actividades de educación ambiental que foron incluídas nun calendario de Advento que se organizou desde a biblioteca escolar. «Entre outras iniciativas, elaboramos postais e imáns, e desenvolvemos un obradoiro de costura no que fixemos calcetíns e outro de reciclaxe de follas de millo no que elaboramos centros de mesa de Nadal», indican desde o centro.

Actividades no horto

Por outra parte, os alumnos e docentes do colexio de Oural seguen a traballar durante este curso no seu horto escolar. Durante o pasado verán fíxose unha limpeza nunha zona anexa a este espazo a fin de dispor de máis terreo para as plantacións. A finais do curso anterior instalouse un sistema de rego automático nos bancais e en parte do céspede do patio. Durante este ano escolar preténdese aumentalo a todo o horto. As actividades que se desenvolveron no horto escolar no que vai de curso comezaron coa recollida de produtos de outono, como patacas, castañas e mazás. Posteriormente organizouse un obradoiro de cociña no que se elaborou torta e compota de mazá. As castañas degustáronse no magosto. Así mesmo, podáronse as plantas aromáticas —lavanda e menta— que se cultivan nalgúns bancais. Despois de secar as ramas, trituráronse e utilizáronse para facer saquiños aromáticos. Ademais, realizáronse as plantacións de outono no horto —fabas, chícharos, espinacas, acelgas, nabos, allos e cenorias—, que se retrasaron un pouco polas condicións meteorolóxicas.

A anpa do colexio, por outro lado, organizou durante este trimestres varias saídas didácticas á gandería Quintián do Páramo, ao museo do mel do Valadouro, ao Museo da Auga e a Natureza de Alfoz e ao pazo de Vilane en Antas de Ulla.

Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex.