Antón Bao, o profesor dos Ancares que substitúe a Felipe Rivas no temón do BNG de Lugo: «Nunca me fun e boto unha man onde mo piden»

Paula Álvarez García
PAULA ÁLVAREZ LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Bao, ex concelleiro do BNG e mestre xubilado, é o único candidato á responsabilidade local do partido en Lugo. «Estou nunha etapa dedicada á familia e a partir de agora tamén a este novo reto», explica

20 ene 2025 . Actualizado a las 22:18 h.

Antón Bao (Becerreá, 1964) é o único candidato á responsabilidade local do BNG de Lugo. Coñécese pola súa faceta política, tanto no ámbito local como provincial, pero tamén pola súa figura como mestre de galego durante 30 anos no centro no que el mesmo se formou, no IES de Becerreá. Alí deulle clase a todos os rapaces da montaña, mesmo aos pais dos que nos últimos anos foron os seus alumnos. 

Bao está vinculado á política dende o ano 1999, cando foi escollido concelleiro polo BNG en Becerreá. No ano 2007 conseguiu acta de edil en Lugo e saíu escollido deputado provincial. Nese tempo foi tamén vicepresidente primeiro da Deputaciónmembro do consello nacional do BNG. No 2013 renunciou ao seu cargo como concelleiro na cidade por motivos persoais e retornou á súa praza como profesor. Ademais, nas últimas eleccións municipais formou parte da lista do BNG no seu municipio natal, onde toda a veciñanza lle garda un cariño especial. 

El, que nunca abandonou a política —se ben é certo que a deixou de lado para exercer como profesor a tempo completo dende o 2007 ao 2013—, acepta agora este cargo de responsable local do BNG, asegura, coa vontade de botar unha man dentro da organización, da que nunca se desvinculou. «É algo que xa fixen no seu momento porque sempre fun partícipe nos órganos do partido», explica Bao. «Apareceu a oportunidade —engade— e decidín collela para axudar ao grupo e ao colectivo».

Despois da súa ampla traxectoria como docente, este é o primeiro curso no que Antón non pisa as aulas tras retirarse o pasado ano. Conta que o bota de menos, pois era feliz no seu traballo e así o demostrou sempre, pero o maior tempo libre do que dispón agora fai deste un momento idóneo para substituír ao ex concelleiro Felipe Rivas no temón do BNG de Lugo: «Estou nunha etapa dedicada á familia e a partir de agora tamén a este novo reto». 

Os pormenores

Foi este mesmo luns, dentro do proceso de renovación dos organismos da fronte enmarcados nos traballos posteriores á asamblea nacional do BNG, cando Antón Bao presentou a documentación para asumir o cargo, acompañado polo portavoz do grupo nacionalista no concello de Lugo, Rubén Arroxo, e por varios concelleiros do BNG na localidade. «Afrontamos este novo período con ganas e forza para expandir o proxecto do BNG a nivel local», explicou o candidato.

Bao destacou tamén neste contexto a importancia da militancia á hora de tomar decisións no seo deste partido: «As e os militantes do BNG somos os encargados de decidir a liña política e as decisións de peso dentro da organización». Este mesmo luns, a partir das 20.45 horas, celébrase a asemblea local para ratificar a candidatura de Antón Bao como responsable local.

O consello local de Lugo estará formado, segundo explican, por un total de 15 persoas ás que se sumará a persoa escollida pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. Ademais, o responsable local pasará a formar tamén parte do consello comarcal do partido nacionalista. 

Candidatura ao consello local do BNG en Lugo

  1. Antón Bao Abelleira
  2. Iria Buide
  3. Xosé Luís Varela
  4. Maite Ferreiro
  5. Rubén Arroxo
  6. Cristina López
  7. Xosé Paz
  8. Carme Salvadores
  9. Lois Neto
  10. Beatriz Cedrón
  11. Vitor Otero
  12. Paz Abraira
  13. Alexandre Espiño
  14. Beatriz Pérez
  15. Luís Blanco

Suplentes:

  • Beatriz Jato
  • Daniel Cabana
  • Brenda González