Mercedes Vázquez, pregoeira da Semana Santa de Sarria: «Falarei da historia real, de miña tía Conchita e do matriarcado da miña familia»
LUGO
Mercedes Vázquez, máis coñecida como Merce Moreno, foi escollida pola Cofradía del Santo Entierro y la Soledad para dar o pregón
27 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O día 11 de abril, na capela do Perpetuo Socorro, situada cerca da praza da Vila de Sarria, Mercedes Vázquez dará o pregón da Semana Santa, que marca o inicio dos actos desta festividade con ampla traxectoria na localidade. A recoñecida fotógrafa colle o relevo de Jaime Regueiro, que foi o pregoeiro no 2024 —conservan a tradición de alternar entre homes e mulleres cada ano—. Merce, veciña do municipio e recoñecida fotógrafa, conta que non faltará no seu discurso a mención a súa tía Conchita, moi relixiosa, integrante da Orden Tercera de La Merced e encargada de tocar o órgano nas diferentes celebracións. Con ela garda todos recordos sobre a Semana Santa.
—A Semana Santa é algo que, coma todos os veciños, viviu dende ben pequena. Cal é a súa vinculación coa mesma?
—É certo. O meu é unha historia dende nena e a vinculación vén de fai tempo. Os recordos que teño da Semana Santa son ata a mocidade, cando xa me separei máis de Sarria por cuestións de traballo. Miña tía Conchita era moi devota e sempre me levaba da man porque tiña moito medo aos capuchóns, e iso son momentos que quedan marcados. Ademais, vivín as procesións noutros lugares como Córdoba.
—Chegou a imaxinar nalgún momento que sería a escollida para dar o pregón?
—A verdade é que non, pero estou agradecida e aceptei encantada pola xente que mo veu pedir. Sempre pensei que o daría miña tía. De feito, díxenlles que falaría dela, porque de min non teño moito que falar. En todo caso é certo que a miña vinculación vén por todos eses recordos que gardo da celebración, aínda que moitos deles son con medo, especialmente de pequena, que me asustaban os capuchóns.
—Que non faltará no seu discurso?
—Se algo non vai faltar será a mención a miña tía Conchita. E tamén á miña historia real e familiar, ao matriarcado da miña casa. Non vou coller eu o protagonismo cando non o teño porque o mérito é seu. Con ela cumpría sempre todos os rituais e incluso a levei as procesións de Semana Santa de Braga, en Portugal, e a todos aqueles lugares aos que eu ía.
—Cal diría que é a esencia da Semana Santa de Sarria?
—Noutra época era moi diferente. Eu recórdoa con medo e escuro porque non había apenas luz nas rúas, pero a xente era moi devota. Ademais, ás rapazas mozas case non nos deixaban saír e iso tampouco nos gustaba. Agora todo é máis alegre e non hai esas limitacións. É un motivo para xuntarse e para gozar da vila chea de xente, tanto os máis relixiosos que o viven, coma os que simplemente queren gozar da esencia da Semana Santa.