Alá vai, coma quen di, o primeiro cuarto deste século que semella que comezou onte. 2025 é un ano redondo e nel conflúen, ademais, numerosos aniversarios: hai 75 anos da morte de Castelao e da fundación da editorial Galaxia e levamos 50 anos de democracia.
Eu tiña dous anos cando morreu Franco, así que aínda nacín baixo o franquismo; mais non gardo ningunha lembranza biográfica da época. O meu primeiro recordo histórico consciente é o 23 F. Pero este ano 2025 está a revelar, unha vez máis, a importancia da linguaxe. Porque, para algúns, será o mesmo dicir que conmemoramos 50 anos de democracia ou 50 anos da morte de Franco; mais para min son cousas radicalmente diferentes e, así como a primeira se me presenta como acaída e oportuna, a segunda paréceme enteiramente desafortunada.
Para conmemorarmos unha morte quedo cos 75 anos da de Castelao. Coido que cómpre honrar esa morte no exilio, sen poder retornar á Galicia pola que tanto fixo e á que tanto amou. Ese Castelao que, cando abrazou a Otero Pedrayo na outra beira do Atlántico, dixo: «Abrazarte a ti é como abrazar a Galicia». Porque conmemorar unha morte é honrar a alguén. E o que cómpre celebrarmos son os 50 anos de democracia, non o feito da morte do ditador. E o que é peor: nestes tempos de polarización ideolóxica haberá quen tome a idea no sentido literal laudatorio e teremos que aturar exaltacións do personaxe. Por iso coido que empregar a expresión dun xeito diferente ao de «50 anos de democracia» é un erro estratéxico. Festexar unha morte —calquera morte— é de mal gusto; conmemorarmos a un ditador unha aberración. Así que eu quedo cos 50 anos de democracia e a conmemoración daqueles que, baixo a ditadura, mantiveron aceso un facho e alentaron os tempos novos que habían de vir: 75 anos da editorial Galaxia, 75 anos do pasamento de Castelao.