Este ano o entroido de Lugo truncouse no seu mesmo comezo. Xusto cando Branca Villares ía facer o pregón, a alcaldesa, Paula Alvarellos, tivo un esvaecemento e acabou perdendo a vida vítima dun infarto.
E precisamente no mesmo hospital que a acolleu en primeira instancia, o HULA, están construíndo un precioso mural dun toxo florido, coa fermosa intensidade da chorima, a aguda punxencia dos pinchos e unha pequena xoaniña gabeando polo tronco. O seu autor, Diego AS, dixo que quería que simbolizase a resiliencia, que o escollera pola dureza da flor, que agroma e sae adiante en calquera lado. Rosalía gustaba das flores con pinchos: das rosas, dos toxos, das silveiras. Vía nelas a dualidade intrínseca da vida e ata aos seus poemas lles recriminaba non seren follas, senón «toxos e silvas».
Os que estes días transitamos o HULA por unha ou outra razón admiramos o mural, escoitamos as conversas que falan do acontecido con Paula Alvarellos, algo que necesariamente toca a unha cidade e máis aos que habitan ese espazo de enfermidade e despedida. No tránsito polos enormes corredores que filtran a luz do sol, acompáñannos o amarelo, o relevo e a sombra do toxo. Mesmo inacabada, a obra é impoñente e ten esa cor alegre da infancia, chea de inocencia e consolo. Así seguirá Lugo, sen Paula Alvarellos, coma os doentes que camiñan polos corredores do HULA, na procura dun pouco de luz, acompañados pola beleza e a mensaxe de resiliencia do toxo. Alí onde habita a dor agroma, tamén, con forte intensidade, a beleza, aínda que haxa que educar a atención e a sensibilidade para captala. Hai séculos Quevedo, referíndose á vida, dicía «que a las leyes de flor está sujeta». Esa íntima unión é a que está a plasmar Diego As. Fermoso.