A seguridade dos máis novos

LUGO

11 mar 2025 . Actualizado a las 17:01 h.

Entre as novas sobre avances en infraestruturas na cidade de Lugo apúntase, estes días, a reapertura do Parque Infantil de Tráfico, ubicado na zona da Milagrosa. Preténdese potenciar a educación viaria entre os máis novos, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico. 

Unha das lembranzas máis dolorosas da miña época como docente en secundaria é, precisamente, a dos tres alumnos que, ao longo dese tempo, morreron en accidentes de tráfico. Tamén me conmoveu a forte pegada de dor que había nun dos institutos aos que cheguei ao ano seguinte de que un dos seus alumnos falecese nun accidente de moto. A pegada que deixara estaba presente mesmo en poemas escritos nas paredes do centro.

Os accidentes de tráfico teñen unha forte incidencia como causa de morte entre as persoas máis novas, o que debe, sen dúbida, levarnos a potenciar a concienciación e educación viaria, que a miúdo, polo enfoque desde a transversalidade, queda en realidade en terreo de ninguén. Cómpre, pois, felicitarmos a renovación dese Parque Infantil da Milagrosa e todas as iniciativas que permitan que o seu uso sexa efectivo e sirva para o obxectivo que se propón. 

O que me causa un fondo desacougo é que, en paralelo, esteamos asistindo a noticias que falan da necesidade de 300.000 soldados en Europa, dun escenario de recuperación do servizo militar obrigatorio, de incremento do gasto militar, de clima prebélico. A este paso, os nosos parques infantís de tráfico, pensados para ensinar prudencia e unha circulación segura aos nosos rapaces, converteranse en campos de aprendizaxe de condución de tanques, ou en campos de prácticas de desactivación de minas antipersoas. Quero pensar que todo o que está a acontecer quedará en nada e seguiremos vendo os parques cheos de cativiños e de rapaces. E non ese bambán baleiro que quedou alí, pendurado e abandonado en Chernóbil, imaxe da vida que non foi.