Este mércores, 26 de marzo, os veterinarios lucenses están convocados a un parón e protesta pola nova lei que limita e obriga a un rexistro exhaustivo da prescrición de antibióticos na práctica clínica veterinaria. O presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo, José Luís Benedito, fai constar que a nova normativa non só compromete o sector veterinario, senón que afecta, tamén, a todas as persoas que conviven cun animal.
Que o desenvolvemento de resistencias a antibióticos é un problema sanitario que pode comprometer nun futuro próximo a saúde humana é algo que sabemos todos, polo que pode entenderse a necesidade de exercer un control que evite, no posible, o desenvolvemento de resistencias. Mais que poidamos asumir que un animal co que convivimos e queremos morra por unha infección tratable é, probablemente, imposible. Eu convivo cunha cadela chamada Chispa, que tería morto aos seis anos como consecuencia dunha piómetra se non se lle puidesen ter subministrado antibióticos, e sei que me sublevaría se tivese que deixala morrer sabendo que había solución. Outra cousa é o control do uso na produción animal, na que —tal como concibimos as cousas polo momento— o impacto é esencialmente económico e, consecuentemente, asumible en función da prioridade que lle outorguemos ao problema
Así as cousas, a pregunta é se finalmente o control e rexistro servirá para algo máis ca someter aos profesionais veterinarios a unha burocracia engorrosa que elevará os custes sen contribuír, realmente, a un uso máis efectivo e controlado dos antibióticos. Coido que, se nos explicasen previamente todos os trámites que imos ter que afrontar polo mero feito de vivirmos, algún renunciaría xa por preguiza. Porque os trámites teñen que estar ao servizo da vida e non afogala. E aquí, como en tantas cousas, o que se precisa é información e formación, dos profesionais sanitarios en todas as súas dimensións e de todos nós en xeral.