Decepción

Antón Grande LUGO / LA VOZ

LUGO

16 may 2025 . Actualizado a las 15:57 h.

O  goberno da Xunta de Galicia veu, viu, e non convenceu. Certamente cando o goberno galego celebra o seu Consello habitual nalgunha das cidades galaicas, os veciños das mesmas sempre agardan que haxa unha sorpresa, unha inversión importante pola que levan agardando hai tempo ou algunha outra novidade. Nada de iso pasou en Lugo, onde Rueda e os seus conselleiros decepcionaron, semellaba como si viñeran ao san Froilán comer o polbo, saír nas fotos e deixarnos coas gañas desa inversión sorpresiva e agardada.

Parecía que as cousas poderían ir por bo camiño xa que algún dos seus altofalantes, como o voceiro do PP na Deputación, falaba nunha emisora de radio de importantes inversións e sorpresas para a cidade. Ao final, case todo foi fume, e non fumata branca senón máis ben escura, grisenta como os ceos que recibiron aos mandatarios na Domus do Mitreo.

Agardábase, por exemplo, que o Museo da Romanización recibise un forte impulso, pero nin tocalo; outro tanto pasou co barrio da Tinería, do que moito se ten falado e escrito, sen acadar unha inversión que o faga despegar como merece polo seu carácter medieval, a súa historia e ubicarse na zona monumental.

Alí tamén, neste barrio, tópase a pazo de dona Urraca e mailos restos arqueolóxicos tras do hospital Virxe dos Ollos Grandes, sen que se fixese a mínima referencia a elo a pesares de estar reunido o goberno da Xunta ben preto deles.

Si recibirán inversión un teórico aparcamento nas Fontiñas, ou o Centro de Saúde do Sagrado Corazón para o cal, coma sempre, seguiron tirando balóns fora, dándolle ao concello a derradeira palabra pois para ambas inversións terá que aportar os terreos. Logo virán os proxectos, as obras e pasarán os anos.