A mestra de Bóveda que publica un libro para tratar a loita contra o acoso escolar na infancia

LUGO

Ruth Froufe, que comparte materiais didácticos en galego apoiándose en cancións das Tanxugueiras e de Fillas de Cassandra, presenta o conto «Aloia e a súa estraña dor de barriga»
17 may 2025 . Actualizado a las 11:21 h.A mestra de Educación Primaria Ruth Froufe (A Raiña, Bóveda, 1997) tiña claro que quería abordar a loita contra o acoso escolar cos seus alumnos, pero non encontraba ningún material acorde a esas idades. «Todos eran falando de libros e de novelas para maiores, así que me animei a crear unha historia para utilizar na miña aula, pero logo pensei que o conto podería axudar a outros profes e a outros nenos», di.
Así foi como se animou a publicar Aloia e a súa estraña dor de barriga, con ilustracións de Stela Navarro. A trama xira en torno a súa protagonista: unha nena que sofre ao ir á escola a raíz do bullying que lle fan os seus compañeiros e que presenta este domingo a través dun contacontos no centro sociocultural da súa Bóveda natal a partir das cinco e media da tarde. «Tiña claro que quería que fora unha nena que estaba tendo un problema e cando os nenos teñen un problema sempre o reflicten a través da dor de barriga, pensei que se algún está pasando polo mesmo e se sinte identificado pode axudarlle a contar o seu problema».
Ela reinvidica a importancia de tratar estas realidades nas aulas. «Dános medo como decirlles a palabra acoso, pero eles enténdeno perfectamente. Ao mellor non fai falta explicarlles a definición exacta pero si ven un conto no que a protagonista non quere ir ao cole porque a empurran e se burlan dela entenden perfectamente o que é», conta. A través do apoio do seu amigo Aldán, que é a personaxe secundaria, Aloia atopa a forza para contar a verdade sobre o sufrimento que está a vivir.
Deste xeito, Froufe pretende poñer en valor a valentía á hora de afrontar os problemas, así como o apoio dos amigos e a relevancia da empatía e da comprensión nesta loita. Ademais de traballar o acoso, a mensaxe principal é «a importancia de que conten como se sinten a unha persoa de confianza, que á unha mensaxe que non só vale para os nenos, senón que tamén serve para os adultos», agrega.

Fomentar o galego nas aulas
Unha ensinanza que xa compartiu cos seus alumnos e que está sendo moi ben acollida por escolares de distintos centros da comunidade. «Estou moi contenta, porque estalles encantando a historia e como é un álbum ilustrado que acompaña texto con imaxes estana a disfrutar moito». E faino mentres defende a nosa cultura, porque un dos requisitos que puxo para traballar coa súa editorial era sacar a obra en galego, aínda que tamén ten a súa versión en castelán. «Era algo que tiña claro. En castelán temos todos os libros que queiramos de todo tipo de temáticas e tamén materiais para traballar e na nosa lingua a realidade é que non tanto», agrega.
O futuro do idioma pasa por asentar ese gusto polo noso dende as aulas. «Creo que os nenos e as nenas se están animando máis a ter personaxes coas que se sintan identificados e a ter profes que os apoien que é o que necesitan». Aínda que require moita implicación por parte dos docentes. «No meu colexio de oitenta e tres nenos que hai, só dous son galegofalantes. Anímanse a falar na nosa lingua pero cústalles arrincar e moitas veces é por vergonza. Pero se te ven a ti con ganas eles van detrás».
Aprender con Luar na Lubre
Ruth, ademais da súa faceta como estritora, comparte recursos educativos a tavés da súa conta de Instagram @mestraru para inspirar e servir de axuda a outros docentes. Así difunde cadernos de refráns, dominós para traballar o xénero e o número, actividades sobre o Nadal ou a saúde e fichas para traballar as maiúsculas ou os substantivos a partir de figuras como o Apalpador. «Fíxeno un pouco por necesidade, porque quería que os nenos comprenderan, por exemplo, o xénero e o número en galego e non había materiais», explica a escritora.
Con motivo das Letras Galegas deste ano nas súas clases traballou os verbos, pero dun xeito un tanto diferente: buscándoos na canción Vén bailar Carmiña de Luar na Lubre. «A verdade é que están a tope coa canción, e ao final traballas igual a gramática e a ortografía pero dunha maneira distinta. Na miña clase o que máis triunfan son as láminas de completar as cancións. Son todas das Tanxugueiras ou de Fillas de Cassandra e encántanlles», asegura.