Conectando ríos

LUGO

08 jul 2025 . Actualizado a las 19:54 h.

Un dos cambios máis notables que experimentou a cidade de Lugo nos últimos anos é o desenvolvemento dos paseos fluviais do Rato e o Miño. Se dende sempre contou con esa singularidade marabillosa dunha muralla romana pola que é posible transitar e completar un paseo que circunda a cidade histórica e abre as súas vistas á contorna, dende hai anos a intervención nas beiras do Miño e o Rato trouxo consigo unha ampliación dos paseos potenciais, cheos de engado natural.

De aí que a iniciativa de unir os paseos do río Miño e o río Rato sexa sen dúbida unha boa nova e que agardemos con ilusión o resultado. Francesco Tonucci, un importante pedagogo italiano que dende hai un ano é tamén doutor honoris causa pola universidade de Santiago, puxo o foco do seu pensamento e a súa obra na reivindicación de cidades humanas, cidades para nenos e nenas, para persoas anciás, non unicamente para homes produtivos de mediana idade que transitan en coche. Espazos naturais, verdes, que convidan a saír e atoparse, serven para evitar iso do que se vén falando, esa síndrome por déficit de natureza que causa malestar, irritación e insomnio. O vello tópico de vita flumen que identifica a vida co transcurso dun río atopa tamén así outro significado.

Lugo érguese sobre dous ríos, o seu propio nome alude a un claro no bosco, e conserva unha natureza autóctona que non é xa a de boa parte de Galicia. Celebrar e coidar este patrimonio natural e integralo na cidade é unha obriga e un privilexio. Mesmo unha aposta por unha vida máis feliz e saudable.

Este verán, percorramos as beiras do Miño e do Rato. Algún día quizais poidamos facelo sen o atranco da estrada, fluíndo dun ao outro como fan os propios ríos. Procurando o seu frescor, a sombra das súas árbores, iso que forma a imaxe de como imaxinamos o paraíso.