Ricardo Polín, escritor: «A Cega de Miranda venceu todos os atrancos que lle puxo a vida a través da arte»
LUGO

O estudoso, natural de Castroverde, recolle a biografía da muller «máis emblemática da música tradicional galega e da tradición xograresca» nun libro e nun documental
09 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O escritor e historiador Ricardo Polín, natural de Castroverde, é doutor en Filoloxía, profesor de Didáctica da Lingua e Literatura na USC e tamén docente de galego no ensino medio. A súa traxectoria destaca tanto polo labor docente como pola investigación. Conta cunha ampla obra científica e literaria en diversas áreas do coñecemento, e é ademais o cronista oficial de Castroverde, terra natal da protagonista do seu novo proxecto.
Considerada por moitos como a última xograresa da provincia de Lugo, Dolores Gómez Lage —máis coñecida como A Cega de Miranda, A Cega de Peredo ou A Pereda— centra o novo libro e documental de Polín: A Cega de Miranda. Na súa noite máis clara.
Con este traballo, o autor reivindica unha figura «avanzada ao seu tempo», que, a través de cantares e relatos, se converteu nunha das grandes transmisoras da música popular por toda a xeografía lucense. Ademais, Polín pon en valor as profesións tradicionais cada vez máis esquecidas: «Dáme mágoa que vivamos nun tempo no que todo vai tan rápido que esquecemos os oficios que requiren dedicación e transmisión oral, porque tamén son parte da nosa identidade».
— Publica un libro, pero tamén un documental co título de «Morta nun castro e dona das feiras. A Cega de Miranda, derradeira xograresa».
— Trátase dun proxecto dividido en dúas partes complementarias. Por unha banda, o libro, que me parecía necesario e oportuno, especialmente neste ano no que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras ás mulleres cantareiras e á poesía popular. A Cega de Miranda foi sen dúbida a máis célebre dentro deste oficio en Galicia. É unha figura icónica e, de feito, a súa imaxe utilízase habitualmente para ilustrar os cantos de cego. No proceso de investigación vin tamén a necesidade de facer un traballo audiovisual. A memoria oral estase perdendo, e era urxente recoller as testemuñas das últimas persoas que lembraban esta personaxe e os espazos vinculados á súa memoria. O formato visual complementa o rigor documental do libro.
— Para quen non a coñeza, quen foi A Cega de Miranda?
— Foi unha figura moi coñecida na provincia de Lugo e tamén fóra, foi a última xograresa. Nunca fora estudada en profundidade, e esta era a última oportunidade de facelo. Por unha banda, as novas xeracións xa están perdendo a memoria; e pola outra, os cambios nas paisaxes tamén fan máis difícil a conexión co seu mundo. A súa obra estaba profundamente ligada á cultura oral, que está en decadencia. A miña tese doutoral trataba sobre os últimos trobadores galego-portugueses entre os séculos XIV e XV, e Dolores representa unha continuidade desa tradición medieval. Ela naceu nos anos 70 do século XIX e faleceu en Lugo en 1971, sendo case centenaria. Levou esa cultura connosco durante un século enteiro. Ademais, superou unha cegueira provocada de forma traumática, cando lle botaron augarrás nos ollos na infancia. Desde un enfoque de xénero, a súa historia tamén é un exemplo de superación. Enfrontouse a múltiples obstáculos e saíu adiante a través da arte, converténdose nunha experta do violín tradicional. De feito, foron os músicos cegos quen mantiveron vivo este instrumento nas feiras e romarías durante décadas.

— Que conexión persoal ten con esta figura?
— Dende un punto de vista íntimo, a miña nai tamén quedou cega na súa última etapa vital, e iso fíxome comprender o esforzo que supón substituír a visión polas palabras. Eu tiven que acompañala para manter a súa orientación e autonomía. Ademais, o meu pai tívome de maior, o que me permitiu coñecer de primeira man como era a sociedade da súa época. El tamén quedou orfo de neno e atopou refuxio na música. Daquela estaban a formarse as primeiras bandas populares na contorna de Lugo, e integrouse nunha delas sendo un rapaz. Sempre dicía que a música lle salvara a vida. Por iso podo entender o que supuxo para unha muller cega daquela época desprazarse polo mundo e buscarse a vida. A súa biografía está chea de momentos dignos dunha película.
— Que foi o que máis che chamou a atención durante a investigación?
— As fotografías que se conservan dela. Aínda que poidan parecer poucas, comparadas cos seus coetáneos, son moitas. Fotógrafos como Guillermo Peinó ou Benedicto Conde vían nela un símbolo dunha tradición en desaparición. Tamén me chamou a atención a súa vida persoal: casou tres veces, a última vez con 80 anos cun home de 49, algo insólito naquela época. Transformaba as súas relacións en produtos culturais, xa que adestraba aos seus compañeiros na percusión. Ademais, a súa vida estivo chea de dificultades: perdeu un fillo na Guerra Civil, quedou viúva cedo e desprazábase montada nun burro, como era habitual entre músicos ambulantes. Viviu no barrio do Rato en Lugo, onde os veciños a lembran como unha muller amable e chea de alegría. Algúns considerábana curandeira ou meiga, dicían que comía lagartos e cobras e chamaba a atención a súa maneira de vestir, sempre de negro.
— Coñece moitos datos da súa biografía, mais como foi o proceso de documentación?
— Son moi meticuloso e creo que hai que dedicar tempo a traballos coma este. O documental dura algo máis dunha hora. A maior parte das recollidas de tradición oral fixéronse nos anos 70 e 80, e ela xa falecera, polo que foi máis complexo. Por sorte, un compañeiro seu, Florencio da Fontaneira, puido ser gravado, e iso permitiu conservar parte do seu repertorio. Tamén atopei referencias en libros como os de Xosé María Álvarez Blázquez ou Castroviejo. Mesmo nos anos 60 e 70 xa se percibía que Dolores representaba o último elo dunha tradición. Ademais entrevistei veciños e amizades que asistiran ás súas actuacións. Son consciente de que este tipo de traballos ou se fan no momento preciso ou se perden para sempre.
— Como está contada esta historia e a que público vai dirixida?
— En todos os meus libros procuro coidar o estilo, cun equilibrio entre o ensaio e o relato narrativo. Neste caso quixen que fose accesible para o gran público, algo que se confirmou na presentación, á que asistiron máis de duascentas persoas. Dolores é unha figura central tanto na música tradicional como no imaxinario popular. O libro ten unha parte máis técnica, con textos recollidos e referencias históricas, e outra máis divulgativa e anecdótica. Un dos meus principais obxectivos era romper co prexuízo de que os músicos cegos eran simplemente esmoleiros. Eles eran artistas. Dolores formouse de nena cun músico profesional que regresara da Arxentina. Gustaríame poder localizar os instrumentos que usou ao longo da súa vida, porque deberían estar nun museo xa que forman parte do noso patrimonio musical.

— Onde se pode conseguir o libro e ver o documental?
— O libro publicouno a editorial lucense Tris Tram e contou co apoio da Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo. Parte da edición está dispoñible de forma gratuíta no Servizo de Publicacións da Deputación, e tamén se pode atopar nas librarías. O documental xa se estreou este ano e está previsto proxectalo noutros espazos como o CENTRAD (Centro de Artesanía e Deseño de Lugo) ou no IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos). Considero que Dolores é a figura máis emblemática da nosa música tradicional e da tradición xograresca, e debemos contribuír a que sexa coñecida.