Debuxar Lugo

LUGO

15 jul 2025 . Actualizado a las 16:48 h.

Velaí vai xa un ano desde que o movemento global Urban Sketchers deixou sentir a súa pegada en Lugo. Xa están a preparar, para setembro, unha exposición cos debuxos realizados ao longo deste tempo sobre os distintos espazos da cidade. Só no mes de maio, a súa convocatoria reuniu máis de cen persoas. Non cabe dúbida de que a súa presenza causa curiosidade e abraio entre quen os ve: absortos no debuxo, cunha ou outra técnica, atentos ao monumento ou ao detalle mínimo que queren captar e plasmar no papel ou no lenzo.

Lugo ten un aquel moi especial coa arte na rúa: velaí as intervencións de Diego As ou o «primo de Banksy». Mais esta iniciativa dos Urban Sketchers achega un valor engadido: o da acción colectiva, o de habitarmos o espazo para facermos algo en común, algo que pon en valor o que nos rodea, que nos permite ollalo desde outra perspectiva a través da arte.

Nunha ocasión, nun congreso en Gante, déronnos a cada un dos asistentes unha folla de papel, un lapis dunha soa cor e unha única instrución: a miña era ollar os horizontes. Outras persoas debían reparar na auga ou noutros elementos ou detalles. Percorremos a cidade debuxándoa. E iso fíxome vela doutro xeito e abriume os ollos a unha nova realidade. E iso mesmo é o que se nos ofrece agora en Lugo. Se, finalmente, a exposición se concreta, teremos a oportunidade de vermos a cidade a través dunha ollada múltiple e compartida, algo semellante á pintura ao natural do século XIX, cando se saía ao campo na procura da escena que logo se había plasmar no cadro. Este xiro urbano, tan acorde cos nosos tempos e coas nosas sociedades, engade, ademais, o valor comunitario, a maxia de crearmos xuntos desde a atención e a beleza.

Velaí está Lugo: coas súas pedras, os seus recantos e o seu engado milenario captado en infinidade de debuxos, vivido por persoas en acción colectiva, inmortalizado no encanto de múltiples instantes.