A Mariña lucense conta con varios dos portos máis importantes de Galicia. Velaí a pescada do pincho de Celeiro nas cartas dos mellores restaurantes de toda a xeografía galega e fóra dela. E o porto de Burela é un referente ineludible na pesca de bonito. Mais, mesmo entre nós, o consumo de peixe está a caer de xeito preocupante.
Hai outros trocos de consumo que afectan a algúns dos nosos sectores clave: véxase o leite, substituído por emulsións de cereais ou froitos secos, que proliferan nos supermercados ata ocuparen case máis ringleiras có leite propiamente dito. Aquí non cabe dúbida de que as modas e as recomendacións de moitos nutricionistas están a xogar un papel importante. Mais, no caso do peixe, non hai información que eleve ningunha outra alternativa: o peixe é saudable, dísenos constantemente, rico en ácidos graxos omega-3, clave no funcionamento neurolóxico. Que acontece, logo?
Coido que a caída de consumo de peixe é multifactorial e moi reveladora da nosa deriva como sociedade. É un produto perecedoiro e delicado, sensible aos xeitos de preparalo, comparativamente caro con outras opcións e máis esixente no seu procesado na cociña. Así pois, vidas rápidas e con pouco tempo para mercar e cociñar, nun contexto de subida dos prezos da alimentación, semellan estar a ter un impacto nos nosos hábitos de consumo. Non sei que efecto terá o bono peixe, se a súa pegada será puntual ou profunda e a xente, ao recuperar a lembranza daquela pescada á romana tan presente na nosa infancia, aquel linguado (ou coreano, ou rapante, ou meiga) coas espiñas crocantes no bordo, as parrochas que podían comerse enteiras, os rolos de bonito co seu prebe con ceboliña e tomate, manterá no tempo ese hábito de ir ao posto de peixe a ver cal está máis fresco e apetecible. O verán é un bo intre para intentalo.