A Louband actuará este mes en máis de 20 lugares: «A nosa forza está no directo. Facemos que o público cante, baile e se sinta parte da banda»

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

LUGO

A Louband leva en activo desde o 2017, con centos de actuacións cada ano
A Louband leva en activo desde o 2017, con centos de actuacións cada ano CEDIDA

A banda de orixe sarriá leva desde 2017 facendo da música unha festa itinerante, compaxinando actuacións diarias durante o verán coas súas vidas profesionais e persoais

07 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito anos despois da súa formación, a Louband segue a facer historia nas rúas, prazas e escenarios de Lugo e tamén de toda Galicia. Nada en Sarria no ano 2017, esta formación musical aposta por un estilo fresco, enérxico e profundamente conectado co público: unha street band ou banda de rúa que leva o espírito do escenario directamente ao corazón da xente.

A Louband non é unha charanga convencional nin tampouco unha banda de versións ao uso. É unha mestura explosiva de instrumentos, voces, enerxía escénica e, sobre todo, paixón pola música en directo. «Definímonos como unha banda de rúa ou unha electrocharanga, porque amplificamos as nosas voces e instrumentos. Para iso levamos un carro autónomo motorizado», explican.

O proxecto xorde tras a disolución da Charanga Madia Leva, da que saíron varios dos seus integrantes fundadores. Tal como relata Martín Vázquez, trombonista do grupo, «a idea naceu da ilusión por experimentar con novos instrumentos como a guitarra eléctrica, o teclado ou o baixo, e tamén pola posibilidade de cantar por micrófono. Buscabamos chegar a máis público e facer algo máis profesional».

Un grupo unido pola música (e pola amizade)

A banda está formada por oito músicos de distintas procedencias e xeracións, unidos por unha fonda amizade e unha paixón compartida pola música en directo. Desde Bos Aires, Hernán Colantuono achega o groove co baixo eléctrico e participa tamén nas voces; desde Caracas, Jesús Álvarez é o guitarrista e vocalista principal, cunha voz potente e versátil que marca o son do grupo. O sarrián Iñaki López é o teclista, mentres que Gerardo Fernández toca o saxofón alto e tamén colabora nas voces. Manuel Doel, con só 26 anos, é o saxofonista tenor e un dos máis activos no escenario. Martín Vázquez, trombonista, achega forza e experiencia coa súa interpretación. E á batería está José Antonio Salvador, máis coñecido como Pepón, encargado de marcar o ritmo e a enerxía de cada tema. Completa o equipo Gonzalo Ariel López, técnico responsable de todo o apartado técnico e audiovisual.

Un formato único: o escenario móbil

Un dos sinais máis distintivos da Louband é o seu carro autónomo motorizado, que lles permite amplificar voces e instrumentos en calquera lugar, sen depender de infraestruturas externas. A isto súmanse elementos visuais como máquinas de fume, chispas, lume ou luces, que converten cada actuación nun espectáculo completo. Grazas a este formato híbrido poden actuar en movemento —como en pasarrúas— ou estacionarios, adaptándose a espazos reducidos en rúas e prazas.

A Louband aposta por un repertorio variado e divertido, con temas que van desde o ska, reggae, punk, rumba e cumbia, ata cancións da música galega e internacional, sempre pasadas polo seu filtro creativo. Interpretan versións con arranxos propios, engadindo seccións de vento e dándolles un estilo novo, con protagonismo da voz de Jesús, unha das grandes fortalezas do grupo. Entre as influencias da banda están Lamatumbá, Herdeiros da Crus, Andrés do Barro, Maná, Ska-P, Los Rodríguez ou Skalariak.

O público: parte do espectáculo

A relación co público é fundamental. «Queremos que a xente se divirta tanto coma nós, que baile, cante, participe. Buscamos romper a barreira entre o escenario e o público», explica Manu. En cada actuación nacen coreografías, bromas, interaccións espontáneas… que logo forman parte do espectáculo. Esta conexión real e directa é unha das razóns polas que repiten cada ano en moitos lugares.

Ao longo dos anos, a Louband levou o seu espectáculo a escenarios de toda Galicia, ademais de León, Asturias, Madrid, Navarra e o norte de Portugal. Algúns dos momentos máis especiais foron a Festa da Fraga nas Pontes, a Festa da Dorna, a Queima do Iodo en Bueu ou o San Froilán de Lugo. «Na Fraga sentímonos como estrelas do rock, e na Dorna foi un dos pasarrúas máis intensos que fixemos», conta Manu. Pero, sen dúbida, o seu lugar máis especial é Sarria, a vila onde naceu o proxecto, onde cada ano participan en eventos como a Noite Meiga, o Verbena Fest ou nas festas parroquiais: «Tocar na casa é especial. A xente coñécenos, séguenos e festexa con nós dende sempre».

Arriba de esquerda a dereita está Gerardo, Pepón e Martín; abaixo, Jesús, Hernán, Iñaki e Manu.
Arriba de esquerda a dereita está Gerardo, Pepón e Martín; abaixo, Jesús, Hernán, Iñaki e Manu.

Compaxinar a paixón coas vidas profesionais

Un dos aspectos máis esixentes do proxecto é compaxinar a intensa actividade da Louband coas responsabilidades laborais e persoais de cada un dos seus membros, xa que todos teñen ocupacións fóra da formación. Mentres que algúns traballan como mestres de música en conservatorios, escolas de música ou colexios, como é o caso de Martín Vázquez, que ademais de ser trombonista, é director da Banda de Música de Paradela e xefe de estudos da Escola de Música de Rábade; outros compaxinan a vida nos escenarios coa preparación de oposicións.

Durante os meses de xullo e agosto, chegan a ter actuacións practicamente todos os días, con picos de ata 25 actuacións ao mes, o que obriga a facer auténticos malabarismos co tempo, con desprazamentos longos, montaxes e desmontaxes diarias, xestión de redes, ensaios e preparación de repertorio. «Ás veces é difícil, require moito esforzo porque facemos todo nós. Pero funciona porque hai amizade, comprensión e moita ilusión», conta Manu.

Fóra da tempada alta, o traballo non remata: dedícanse a ensaiar, actualizar repertorio, reparar equipos, preparar o carro e seguir perfeccionando o espectáculo. Esta dedicación é unha das grandes fortalezas da banda, que consegue manter un nivel profesional sen renunciar á súa esencia. Louband non se marca obxectivos a longo prazo, pero si ten soños por cumprir. Gustaríalles sacar un single, tocar con bandas que admiran e seguir medrando sen perder a esencia que os define.

E se aínda non se tivo a oportunidade de desfrutar da súa música, o consello é claro: «O mellor que ten a Louband é o noso directo, que non deixa indiferente a ninguén. Somos un espectáculo que rompe a barreira do escenario».

Presenza nas redes sociais

A Louband tamén mantén unha forte presenza nas redes sociais (@louband_oficial), onde comparten vídeos das súas actuacións e fragmentos da súa xira. Esta actividade dixital axúdalles a conectar co público máis novo e a manter viva a súa comunidade de seguidores durante todo o ano. Ademais, algunhas das súas versións e interpretacións poden escoitarse en diferentes plataformas de música en liña, ampliando así o seu alcance máis alá das rúas e prazas.