Agustín Fernández Paz estará máis presente en Vilalba

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Un mural pintado na avenida da Terra Chá amosa a presenza de Agustín Fernández Paz en Vilalba
Un mural pintado na avenida da Terra Chá amosa a presenza de Agustín Fernández Paz en Vilalba ALBERTO LÓPEZ

Un espazo na biblioteca e un roteiro por Lanzós son proxectos nos que traballa o Concello, aínda que con diferente nivel de desenvolvemento

12 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Agustín Fernández Paz (1947-2016) ten un claro espazo na literatura galega e tamén en Vilalba, lugar onde naceu. Se, máis alá dunha dimensión literaria na que conseguiu un amplo prestixio, o seu nome e a súa persoa resultan coñecidos a quen teñen unha certa idade, ademais estanse a dar pasos que reflictan con máis forza a relación entre a terra e o home.

Un espazo habilitado na Biblioteca Municipal e un roteiro pola parroquia de Lanzós teñen entre si o vencello de que se trata de dúas iniciativas relacionadas con Fernández Paz, aínda que con diferentes niveis de desenvolvemento entre unha e outra. O espazo que na biblioteca, sobre a que a corporación decidiu que levase o nome do escritor, se lle dedicará xa está en obras; o roteiro é un proxecto cunha idea clara, pero por agora pendente de desenvolver.

As obras na biblioteca teñen un presuposto de 88.000 euros, que proceden na maioría da Deputación e que completa o Concello. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou este luns que o resultado dos traballos sería a creación dun espazo aberto onde haberá un espazo aberto e se instalará o lergado bibliográfico achegado por Fernández Paz á vila natal. A obras, que se desenvolven no segundo andar do edificio, avanzan a bo ritmo, como salientou este luns o concelleiro de Infraestruturas Urbanas.

Roteiro circular por Lanzós

Polo que atinxe ao roteiro, trátase dun proxecto sobre ao que a concelleira de Turismo, María Xosé Fernández, se ten referido xa nalgunha ocasión: basearíase na obra «Aire negro» e percorrería lugares da parroquia de Lanzós asociados co libro. A idea que ten a concelleira é a creación dun itinerario circular, con comezo e con remate na parroquia, que poida ser percorrido por un público amplo, cun trazado non especialmente esixente.

Aínda que non hai, por agora, prazos para a súa posta en marcha, Fernández comentou este luns que pretendía contar coa colaboración da asociación veciñal de Lanzós: así, dixo, o percorrido resultará máis axeitado ás características da zona, tendo en contra precisamente que se prevé deseñalo de maneira que resulte o máis doado posible para todos. Fernández subliñou que esta idea seguía a ser un dos principais proxectos da súa concellería para este mandato.

A estas dúas iniciativas hai que engadirlles outra, xa realizada. Fernández Paz protagoniza o mural pintado, xa no anterior mandato, na fachada lateral dun edificio situado na avenida da Terra Chá, preto do estadio Roca.