Palabras eternas

LUGO

12 ago 2025 . Actualizado a las 19:04 h.

A igrexa de Santa María de Meira acolleu este verán a exposición «Os adeuses eternos. Palabra e memoria», unha mostra que nos achega á presenza do galego nese acto íntimo, profundo e emocionante que é despedir un ser querido. Esta exposición constitúe, sen dúbida, unha boa ocasión para reflexionarmos sobre a derradeira palabra, aquela que fica gravada na pedra e acompaña a memoria de quen xa non está. Os nosos cemiterios son a plasmación gráfica da historia da represión lingüística no noso país: milleiros de persoas que viviron en galego descansan baixo epitafios, decote formularios, en castelán: «Tu familia no te olvida»… Á xa de seu complicada situación de postergación da lingua engádese o intre delicado no que as familias se enfrontan a estas circunstancias, o que propicia que se delegue a redacción nas funerarias e que, de xeito xeral, se actúe por convención e costume. Por iso, recuperarmos o galego para epitafios, necrolóxicas e demais actos funerarios é tamén unha forma de restitución e de respecto cara á identidade e a vida das persoas que estamos a despedir.

Que unha funeraria de Meira pasase de empregar o galego só nun 10 % das necrolóxicas a acadar neste 2025 o 90 % fala dun cambio, case dunha revolución, froito, sen dúbida, de accións públicas e compromisos individuais.

A mesma Rosalía de Castro foi soterrada no camposanto de Adina baixo unha lápida en castelán, un feito que se reparou cando foi trasladada ao Panteón dos Galegos Ilustres. Lugo conta co camposanto máis galeguizado de Galicia, o da igrexa de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela). Agardemos que cunda o exemplo e que os cambios acaecidos en Meira, recollidos nesta exposición que pon en valor a autenticidade das palabras da despedida, nos axuden a afastarnos da linguaxe formularia e allea nos momentos máis íntimos e transcendentes. Alí onde a palabra conta.