





Unha exposición do artista mindoniense, falecido hai varias semanas, permite coñecer a súa creación máis recente, instalada no Museo Provincial
18 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Que bonito é isto». Unha espectadora comentaba o pasado venres, falando máis ben con ela mesma, a impresión que lle producía unha das obras da exposición de Mauro Leivas (1955-2025) inaugurada uns días antes no Museo. O comentario, reproducido aquí sen intención de sentar cátedra entre quen coñecen a arte en xeral e a obra de Leivas en particular, semella acaído porque un pode sentir, entre outras reaccións, canto hai de beleza —presente, soñada, lembrada, desexada— neses traballos.
Se nunha vida hai tempo para vivir varias vidas, na de Mauro Leivas, falecido o mes pasado, houbo tempo para coñecer, detro e fóra de España, expresións e estilos variados. Con Xosé Artiaga, Caxigueiro e Xosé Vizoso, falecido hai uns meses, pertenceu ao grupo de rapaces de Mondoñedo nos que a presenza de Juan Puchades como profesor de Debuxo no instituto da cidade, fixo medrar a vocación artística.
Os carteis das feiras e festas das San Lucas en particular e os deseños da cerámica de Sargadelos en xeral converteron a Vizoso nunha figura coñecida, da mesma maneira que Caxigueiro vai asociado co seu Espazo Caritel, que en San Martiño de Mondoñedo (Foz) convida a gozar de arte e de natureza. Para quen non coñeza a obra de Mauro Leivas,a exposición «Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras» supón unha oportunidade para descubrir ideas estéticas e éticas que non son difíciles de imaxinar.
Con pezas de pequeno formato, agás as que se instalaron no claustro, e con tinta chinesa sobre pigmentos como técnica, na exposición pódese ver a pegada doutros artistas aos que Mauro Leivas incorporou á súa obra (velaí «O Bosco: posverdade»), pero tamén unha riqueza cromática que nalgún caso pode lembrar o impresionismo xustamente polo impacto que produce.
Leivas naceu no barrio dos Muíños, onde os alfareiros amosaron que a fronteira entre artesanía e arte pode ser doada de atravesar. Na exposición hai explícitas referencias mindonienses: velaí o título de obras coma «Viloalle» ou «A lebre do Xistral», pero dentro dun contexto no que a arte non agacha as ideas do autor.
Natureza
A natureza está presente na exposición xa dende o título, onde, por certo, o mundo visto cun certo prisma mindoniense tamén está presente: preto da Ponte do Pasatempo é máis normal falar de sacabeiras ca, por exemplo, de píntegas. Pero esas alusións non entran nun xogo de carácter local ou localista, senón que máis ben semellan a expresión de malestar por unha natureza que o autor non ve tan conservada como lle gustaría.
Sen esquecer esa visión que o artista nos axuda a descubrir, en días coma estes, de abafante calor, a exposición ofrécenos a oportunidade dun percorrido pola natureza. Pero tamén, igual que se ven plantas ou animais, pode apreciarse o dominio do debuxo que conseguiu Mauro Leivas: obras como «A familia galega» son un bo exemplo desa técnica.
A exposición, que ten como comisaria a Silvia Fiallega, pecharase o 30 de agosto e pode visitarse de martes a sábado de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30 e os domingos e festivos de 10:00 a 15:00.