Lugo coas luces longas

LUGO

04 sep 2025 . Actualizado a las 18:29 h.

Setembro é, por riba de xaneiro, o auténtico inicio de ano; o intre no que se estrea curso e se definen os desafíos dos novos proxectos. É así para os cativiños e cativiñas que nuns días percorrerán as rúas lucenses camiño dese chanzo inmenso que é o primeiro día de cole e tamén para as cidades, os países e as sociedades no seu conxunto. Neste setembro gris e húmido ergueranse os alicerces do futuro máis inmediato, por exemplo do que acontecerá cos incendios no vindeiro verán, que agora semella tan afastado, ou do que ocorrerá coa vivenda. Poderán seguir acudindo estudantes a encheren o noso campus ou entregarémonos unicamente á especulación e aos pisos turísticos? Traballaremos para fixar poboación no rural, con servizos que o permitan —escolas, centros de saúde, transporte público— ou avanzaremos na desfeita territorial?

O inicio de curso é o momento de pór as luces longas: de trazarmos cara a onde queremos ir e establecermos os principios nos que se asenta o noso camiño. Transitamos do verán ás festividades de outono: as festas da Milagrosa, as de Vilalba, o Caudal Fest, o San Froilán xa no horizonte... Mais tamén cómpre comezarmos o curso: planificar, programar, aplicarse en obxectivos colectivos e de grande calado. Moitos dos nosos problemas exceden o marco municipal, forman parte do mundo global no que vivimos; mais facerlles fronte esixe unha perspectiva localizada: pensarmos desde o noso lugar nese mundo.

Así, nun contexto no que se di que a intelixencia artificial rematará con moitos traballos en poucos anos, non podemos reducir man de obra humana alí onde o humano é imprescindible. Coidemos, por exemplo, as nosas escolas do rural, como ese colexio do Páramo onde os pais están demandando axuda. Neste mundo interconectado, mantermos os servizos básicos é tamén un xeito de loitarmos contra o lume. Así de complexos son os nosos desafíos.