Paco Martín xa é eterno 40 anos despois de «Das cousas de Ramón Lamote»

La Voz LUGO

LUGO

O autor lucense foi homenaxeado no Círculo das Artes

15 oct 2025 . Actualizado a las 18:43 h.

«A miña primeira intención con Lamote era conseguir que algo que teoricamente era para o público infantil chegase tamén á xente adulta», di agora Paco Martín, o autor lucense que saltou á fama hai catro décadas cunha obra que non só conseguiu ese obxectivo, senón que cambiou a historia da literatura en galego.

Para recordar esta data e a súa importancia, a Real Academia Galega (RAG) rendeu este mércores unha emotiva homenaxe ao escritor lucense. Coincidiu o encontro cos corenta anos da publicación de Das cousas de Ramón Lamote, unha obra «decisiva». O acto, celebrado no Círculo das Artes, reuniu figuras destacadas do ámbito literario e cultural que quixeron recoñecer a traxectoria do autor lucense e o legado dun libro que marcou xeracións de lectores.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, abriu o acto lembrando a relevancia do escritor: «Homenaxeamos unha figura de moitísimo relevo, quen dá nome á xeración Lamote, que marcou o inicio do florecemento da nosa literatura infantil e xuvenil». Monteagudo destacou que esta era «unha ocasión, sobre todo, para volver á obra coa que Paco Martín nos agasallou aos lectores, non só aos máis novos».

«Paco Martín contribuíu a situar a literatura infantil e xuvenil galega como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor»

Publicada en 1985, Das cousas de Ramón Lamote foi a primeira obra en lingua galega en acadar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e incluíuse nas listaxes internacionais máis prestixiosas, como a da IBBY. A novela, que xa supera as trinta edicións, foi tamén un éxito de vendas en toda España e conta con traducións a varias linguas, entre elas o castelán, o catalán e o éuscaro.

O autor, que sempre rexeitou as fronteiras ríxidas entre xéneros e idades, insistiu en que «o importante é que o lector o pase ben».

A académica Marilar Aleixandre, directora da Sección de Literatura da RAG, subliñou o papel pioneiro do autor: «Paco Martín contribuíu a situar a literatura infantil e xuvenil galega como parte da Literatura, con maiúsculas, e en ningún modo menor». A escritora reivindicou tamén o valor simbólico da súa obra para o futuro da lingua: «Hai corenta anos o Reparante acordou dun soño de seiscentos noventa e seis anos. Sexa isto un sinal para o galego acordar e tomar o día a día, as aulas, as rúas».

A crítica Isabel Soto coincidiu en que Das cousas de Ramón Lamote supuxo unha ruptura: «Creou un personaxe universal nun libro totalmente diferente no seu momento. Non hai nel concesión ao que se entendía que tiña que ser unha obra infantil, pero aposta polo humor, o absurdo e a fantasía». Pola súa banda, o escritor Lois Pérez, antigo alumno do homenaxeado, asegurou que o libro «deunos a posibilidade de explicármonos e imaxinármonos no noso idioma pero, sobre todo, namorounos da lectura».

O editor e tradutor Alejandro Tobar puxo o ramo á xornada cunha laudatio centrada na amizade e nas lecturas compartidas co autor: «Paco é un grande escritor e un excelente lector, e a pegada das súas lecturas confórmao como narrador».

A RAG aproveitou así o aniversario para recoñecer unha traxectoria sólida e discreta, guiada polo pracer da lectura e da escritura. Catro décadas despois, Das cousas de Ramón Lamote continúa a ser un símbolo de creatividade, liberdade e amor pola lingua, un libro que —como destacou Monteagudo— «agardamos que siga inspirando novas xeracións de lectoras e lectores galegos».