Cando hai folga no ensino, como a pasada semana en Lugo, pode que haxa quen pregunte polo que a motiva, pero a preocupación que na casa dos alumnos suscita é a de como solucionar a presenza duns rapaces no fogar, rompendo o costume habitual.
Na última semana deuse o caso dun aviso previo, comunicando o centro a existencia da folga, con servizos mínimos, polo que a atención ao alumnado non podería ser a habitual. A comunicación agradécese como aviso a navegantes, máis se a posteriori se comproba que algúns asistentes ás clases pasaron o tempo escolar no patio de recreo, mentres que outros gozaron na mesma aula de entretemento a base de proxeccións audiovisuais. Cando algún pai a posteriori xustificou ao centro a falta por causa da folga, o razoamento non lle foi admitido, porque puido ter enviado ao alumno ao centro, suponse que para facer vulto, ou que se notase máis a repercusión da protesta.
Ninguén discute o dereito dun traballador á folga, independentemente de que a repercusión sexa diferente segundo o traballo. O que se discute é a claridade na exposición aos pais do que vai acontecer cos seus fillos, e non lavarse as mans con exemplo non moi claro da conxunción do dereito á folga coa responsabilidade educativa.
O dilema non é «folga si ou non», senón simplemente suxerir, razoar se os fillos deben/poden acudir ou non ás clases. A mesma valentía que supón exercer o dereito de folga hai que aplicala na solución que os afectados poden/deben adoptar. Non é doado o dilema. Pero nada hai doado de decidir nesta vida, e os profesores deben ser os primeiros en solucionar dilemas.