Xistral

LUGO

25 dic 2025 . Actualizado a las 20:18 h.

Este 23 de decembro, pola tarde, presentouse en Lugo un novo número da revista Xistral. E van vinte e seis. Nunha sala ateigada do Museo Interactivo da Historia de Lugo desfilaron unha parte significativa das máis de cen voces que conforman o último volume da publicación. Reflexións breves sobre acontecementos do noso tempo. Natureza e desacougo. Evocacións dunha infancia rural xa desaparecida, coa maxia do paraíso perdido expresada en palabras que, como aquel mesmo modo de vida, semellanesvaecerse na néboa.

Todo iso deuse a man coa presenza dun «galego de Caracas», con dúas mulleres que escriben no galego-asturiano do Eo-Navia e cun clima xeral de escoita atenta e de poesía compartida. Foi un pracer escoitar tanta poesía en galego, en voces de idades diversas, pasando dun poema a outro, da páxina que contiña cada voz como único límite do tempo de lectura. Que unha publicación destas características sobreviva un cuarto de século é, sen dúbida, un logro notable. A vitalidade amosada na presentación deste número, xunto coa continuidade de colaboradores e colaboradoras das primeiras etapas e coa incorporación de novas voces, permite albiscar cando menos outro cuarto de século de poesía.

Remata 2025 sen verse cumpridas algunhas das súas promesas. Seguimos sen poder transitar por esa autovía a Santiago que continúa afastándose no horizonte. Fagamos, pois, o exercicio de optimismo de pensar que 2026 será o ano no que se cumpra esa promesa xa revestida de aires míticos. Con todo, confío máis en vermos a 27ª edición da revista Xistral. A poesía sempre fronte a todo, convocada aquí por un nome de serra e de montaña, de resistencia esgrevia. A poesía tamén como palabra que loita e denuncia, mais nunca esa baixeza na que hoxe se dirime a disensión política. Arma cargada de futuro; pólvora e magnolia na nosa voz; tan necesaria e tan cotiá.