Mentres se confirma o nome de Carmela López para presidir a deputación de Lugo, consolídase a candidatura da cidade para acoller a Agencia Estatal de Salud Pública. Cando revisamos a listaxe de candidatas (Oviedo, León, Zaragoza, Granada e Barcelona) e os argumentos empregados para fortalecer a candidatura decatámonos dun dos aspectos nos que Lugo ten que avanzar: sinálase a comunicación da cidade, a menos de 100 Km dun aeroporto, e da súa comunicación por outras vías, por estrada e tren; saliéntase, así mesmo, a dispoñibilidade de opcións para a sede (barállase o Pazo de Feiras ou o edificio que Sanidade ten na rúa Montevideo).
Así, nun tema aparentemente inconexo, ponse sobre a mesa a cuestión das comunicacións. Que importante sería neste punto que os menos de 100 Km que nos separan do aeroporto se percorresen nos 50 minutos que levaría de termos xa rematada a Autovía. Temos tempo para que, se a candidatura sae adiante, a Autovía sexa por fin unha realidade e por tanto a vantaxe esgrimida teña forza. Debería ser un aliciente para que 2026 por fin permita unir Lugo co aeroporto e coa capital de Galicia nese tempo. Velaí pois un desafío e unha dirección: a da dotación de infraestruturas, que ás veces se condicionan mutuamente e poden xerar un círculo vicioso ou un virtuoso.
E logo está a outra dirección, que tamén tivo o seu espazo nas noticias da semana: a importancia do noso sector primario, ese que circunda a cidade e a nutre, o que fai que o noso campus atope sentido na súa vinculación co agro, coa gandeiría e co monte. Tamén aí, na calidade dos nosos produtos e na relevancia da autosuficiencia alimentaria, Lugo posúe un capital que cómpre coidar. Dúas direccións de avance, non contraditorias senón complementarias, en equilibrio, e ambas igual de decisivas neste 2026 que aínda estamos a estrear.