360 curvas

LUGO

03 feb 2026 . Actualizado a las 19:47 h.

O documental 360 curvas está a percorrer a xeografía galega. Tras a súa presentación no Festival Internacional de Cine de Gijón, e despois de pasar por Santiago, A Fonsagrada ou Lugo, regresará a esta cidade os días 5 e 7 no Códex Cinema. O pase do día 5, ás 20.15 horas, contará coa presenza do equipo responsable do filme.

360 curvas fala da loita colectiva, dos problemas do territorio, do despoboamento e, sobre todo, da negativa a aceptar a derrota como destino. A comezos do século XX, A Fonsagrada tiña arredor de 20.000 habitantes, unha cifra non moi afastada dos 23.000 cos que contaba Vigo daquela. O devalar posterior é ben coñecido, froito en boa medida das malas comunicacións e as carencias de servizos. Diso son símbolo esas 360 curvas debuxadas nos 60 km que separan A Fonsagrada de Lugo, e tamén o intento —na súa altura detonante da mobilización— de arrebatarlle á vila a condición de cabeceira comarcal, e con ela dereitos e prestacións ao concello máis extenso de Galicia, fondamente agrario, gandeiro e de montaña.

Ariadna Silva, unha das responsables do documental, lembra que a escena na que as xentes desmontan con aixadas un montículo para endereitar unha das curvas está inzada de simbolismo: é «como abrir o futuro coas mans». O futuro non sempre chega, ás veces constrúese a forza de corpo e de teimosía. 360 curvas ben pode ser a nosa chuvia amarela, na fermosa metáfora de Julio Llamazares nese libro que acabou por se converter nun dos grandes cantos literarios aos pobos baleirados.

«Eu síntome orgulloso daquela loita», di Adrián Méndez, promotor do filme. Cómpre sentirse orgullosos de todas as loitas, mesmo das que parecen fracasar. Sempre deixan pegada. Aquí é a seguinte xeración quen toma o relevo para contalo: unha mocidade que sabe render tributo á historia, á recente, á que fala das cousas que aínda están en xogo.