Hai algo poderoso e ateigado de simbolismo nas ruínas. Foron, de feito, un motivo literario desde sempre. Ver o esplendor pasado sucumbindo ao transcurso da historia fálanos da nosa propia caducidade, da inexorabilidade do tempo, da transitoriedade de toda gloria. Así é que o tema das ruínas sempre estivo na arte vencellado a ese sic transit gloria mundi, ao vanitas vanitatis. Unha ruína, como un solpor, convida inmediatamente a unha reflexión existencial. Mais tamén debería convidar, mentres o proceso non está consumado, a unha vontade de preservar e combater; a unha protección activa.

Lemos estes días que no último ano oito novos bens patrimoniais viñeron engrosar a listaxe vermella de patrimonio en perigo na provincia de Lugo. Os dous últimos en incorporarse, a Torre de Sobrada, en Outeiro de Rei, e o Pazo de Mundín, en Monterroso. Velaquí que, mentres a vivenda se fai cada vez máis pequena e inasequible, os nosos pazos languidecen e, en non poucas ocasións, van cedendo ante o tempo, ante a maleza, ante os elementos.

Pero unha ruína non é só o que queda dun tempo ido: é tamén a proba visible dunha desatención presente. Cada muro que cae, cada escudo cuberto pola silva, cada tellado que se afunde sen que ninguén interveña, fala menos do pasado ca de nós. Da nosa incapacidade para comprender que o patrimonio non é un luxo ornamental nin unha postal para días de visita, senón unha forma de memoria compartida, un arquivo de pedra onde se escribiron vidas, traballos, desigualdades, nomes e historias. Cando deixamos que desapareza, non perdemos só unha torre ou un pazo: perdemos espesor, continuidade e sentido de pertenza. Cando Rosalía de Castro escribiu Ruínas no século XIX, comezou falando destas, das dos edificios, pero só como metáfora para logo falarnos de tres ruínas humanas. Ela sabía da continuidade. O que facemos ao territorio reverte sobre nós. Coidalo é tamén un xeito de coidarnos.