Lugo total

LUGO

Este 12 de agosto conflúen a eclipse total de Sol e a noite de máximo das Perseidas. O verán convida de seu a unha maior contemplación dese ceo que cada vez se nos fai menos visible pola contaminación lumínica e pola atracción desas outras luces que emanan das pantallas e que, sendo moito menos maxestosas, están moito máis preto e responden a algoritmos que saben cada vez máis de nós e das nosas condutas. Agora, convertida en fenómeno mediático e global, a eclipse deixarase sentir nos dous mundos, no real e no virtual. E Lugo sitúase nesa zona privilexiada de contemplación.

A ciencia en xeral, e moi concretamente todo o que ten que ver coas magnitudes astronómicas, déixanos termos dunha extraordinaria beleza poética. Como a zona de totalidade que marca ese privilexio da nosa xeografía para este fenómeno, pero tamén tantos outros: horizonte de sucesos, burato negro ou o propio big bang. Non é infrecuente o tránsito entre a física e a filosofía, e ese salto, que desde perspectivas actuais tenden a presentar as ciencias e as humanidades como mundos separados, é en realidade profundamente natural: responde ao desexo de comprensión do inconmensurable, diso que nos sobrepasa e nos contén, que nos xerou e que tamén pode exterminarnos.

Quizais por iso hai algo especialmente poderoso nun eclipse. Durante uns minutos, milleiros de persoas interrompen o que están facendo e levantan a cabeza ao mesmo tempo. As pantallas poden rexistrar o fenómeno, multiplicalo, convertelo en imaxe e distribuílo polo mundo, pero non substituír esa experiencia elemental de estar nun lugar concreto baixo un ceo que escurece. En Lugo teremos, ademais, o privilexio da totalidade. E talvez esa palabra poida significar por un intre algo máis ca unha magnitude astronómica: unha cidade enteira mirando cara arriba, compartindo a conciencia da súa pequenez e, ao mesmo tempo, da súa pertenza a algo inmenso. Lugo total.