Despedimos un verán abafante cunha treboada intensa. A que viviu Lugo na madrugada do día 23 destacou pola súa intensidade e polas incidencias que deixou ao seu paso. Todo isto encaixa co que veñen sinalando os expertos sobre a tendencia a fenómenos meteorolóxicos máis extremos. E os efectos son a miúdo paradoxais. Porque, malia termos tido un inverno moi chuvioso ata febreiro, chegamos ao verán falando de seca e de restricións de auga.
Galicia, pola súa configuración xeolóxica e hidrográfica, ten unha capacidade limitada para almacenar grandes volumes de auga superficial e depende en boa medida desa regularidade das precipitacións que tradicionalmente caracterizou o seu clima. Neste contexto resulta evidente que precisamos investigación, planificación e xestión. Curiosamente, mentres comprobamos que a xeoloxía é unha das claves, lemos tamén estes días na prensa que España está a quedar sen xeólogos. Porque ás veces parece que o que decidimos estudar responde máis ás modas ca ás necesidades.
E, no medio de todos estes escenarios, vemos na televisión robots chineses competindo en atletismo, correndo cunha plasticidade sorprendente, mentres nós repousamos dondamente no sofá. Un deles acaba mesmo de correr os cen metros máis rápido ca Usain Bolt. Preguntábame eu se os robots suarán e necesitarán auga ao correr, pero axiña pensei que a intelixencia artificial que os impulsa depende de enormes infraestruturas que tamén consumen enerxía e auga para a súa refrixeración. Así que temos calor extrema, secas, treboadas, falta de xeólogos, máquinas que xa corren máis ca nós e centros de datos que tamén precisan refrescarse. En fin, que o que hai non tanto tempo colocabamos nun futuro remoto vaise chantando diante de nós cunha rapidez extraordinaria. E nós, mentres tanto, pasmando á fresca no sofá vendo correr os robots.