Acudo a San Froilán a visitar as sepulturas familiares, para logo levar unha rosa á de Marcial González Vigo, sabendo que Chema Núñez Losada e familia se me adiantan sempre. É lembranza de morte a que nos cemiterios se vive, matizada pola crenza no mundo mellor que nos agarda, con dores de ausencias que nestas datas se agudizan.
Está moi ben a música de tres membros da Banda municipal para axudarnos a entrar nun mundo diferente; a cultura que rezuma a mostra sobre a monumentalidade do cemiterio; a dor que desprende a mostra «arrolos no ar», no fondo do cemiterio dedicada aos nenos que non chegaron a vivir e deixa mágoa na memoria e na alma… e sorprende a vitalidade do primeiro altar de mortos montado nun cemiterio español e o primeiro prehispánico montado en Galicia por iniciativa da artista Soila Jankowska e o historiador lucense Daniel Manuel Vázquez Vila.
Para nós, a morte é a responsable da nosa partida deste mundo, mentras para os habitantes da terra onde chora o deus da choiva é a compañeira que os acompaña na viaxe ao máis aló.
Os máis vellos mexicanos, mesturando crenzas ancestrais coas dos conquistadores, lembran leda e garimosamente aos que se van, coas cousas que usaron, produtos da terra, simbólicas vestimentas e caveiras que sorrín… e este altar recorda con arte e con memoria, á xente que se foi, que se ao lembralos producen ledicia, tamén garanten a súa pervivencia mentras a lembranza viva.
Esta instalación artística mexicana poderase contemplar no Vello Cárcere, para mellor difundir unha cultura na que temos influído e da que sempre será grato aprender sorrindo cun aquel de complicidade.