A última lareira habitada da Fonsagrada

Manuel Fernández / M. Guntín A FONSAGRADA

A FONSAGRADA

Foto Manuel

Tiquio de Liñares reside na mesma casa na que se criaron os seus antepasados: «Non sei que será deste lugar cando eu marche», conta

09 jul 2022 . Actualizado a las 10:38 h.

Tiquio de Liñares naceu no 1946 e sempre viviu no mesmo lugar. Na Casa de Barcelo, que é o nome que recibe o seu fogar, criáronse e viviron polo menos cinco xeracións da súa familia. Aquí, na parroquia de Maderne, en plena comarca de A Fonsagrada, aínda se conserva a vida na última lareira habitada da montaña de Lugo.

Moitos dos tesouros que garda a Casa de Barcelo son de valor incalculable e descoñécense as datas orixinais dos mesmos. Tiquio, que viviu sempre nesta lareira, lembra como se criou nela: «Aquí criouse o meu pai, avó, bisavó e tataravó!», exclama con orgullo.

Aínda que poida parecer un lugar frío e escuro, as casas de pedra adoitaban ter o lume sempre activo, algo que aínda mantén Tiquio na súa lareira: «Eu aquí estou moi ben. Fago a miña vida diaria a carón desta lareira, e cando vai frío podo sentarme, deitarme ou facer o que me praza sen medo ás inclemencias do tempo», explica.

O teito da lareira recibe o nome de caínzo
O teito da lareira recibe o nome de caínzo MANUEL

As reliquias da lareira

No interior da lareira todavía se conservan os bancos de hai décadas, e o seu teito —que leva o nome de caínzo— está feito de varas entrelazadas e secas, tal e como era habitual en séculos pasados. É o que se chama na comarca da Fonsagrada o «enveado».

A garmalleira, un soporte centrado no medio da lareira, é das máis fortes que Tiquio recorda: «Cando cocían para cebar os cochos empregábase un caldeiro grande, e podía con el perfectamente».

Na lareira aínda se poden apreciar as alacenas que hai detrás dos escanos. A familia de Tiquio era a caseira do lugar, e das varias xeracións que pasaron pola Casa Barcelo queda unha herdanza de valor incalculable, entre a que se atopa unha artesa de tamaño considerable. Este fonsagradino aínda lembra como se enchía de centeo: «Aquí coceuse moito pan», di convencido. De feito, o forno da casa aínda funciona perfectamente. Os bancos da lareira, con respaldo e de madeira, sobreviven ao paso de tempo e aínda fan o seu servizo.

 

O futuro da Casa Barcelo

Sobre o futuro deste lugar, cérnense algúns interrogantes: «O día de mañá, cando eu non esté, gustaríame que isto se conservara». Solteiro e sen descendencia, as súas esperanzas están postas en familiares de lonxe que viven en Cataluña.