Amador Rego, encargado de adornar con alfombras florais A Fonsagrada: «É un traballo moi colaborativo no que todo o mundo participa»
A FONSAGRADA

As alfombras florais do Corpus en A Fonsagrada volven vestir de cor e tradición as rúas da vila. Cada ano, o domingo seguinte ao Corpus Christi, veciños como Amador Rego manteñen viva esta celebración, elaborando deseños con flores naturais para recibir a procesión e celebrar as primeiras comuñóns
21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cada ano, o domingo seguinte ao Corpus Christi, as rúas da Fonsagrada vístense de cor, de pétalos e de devoción. Desde hai máis de 40 anos, esta localidade lucense mantén viva unha tradición que naceu do propio pobo: confeccionar alfombras florais para engalanar o percorrido da procesión do Corpus. Aínda que nos seus inicios celebrábase o mesmo día litúrxico, cos anos a festa trasladouse ao domingo seguinte. Ademais, coincide cun momento moi especial na localidade, o día da primeira comuñón dos nenos do concello.
Ao longo de tres rúas —a Rúa Maior, a Avenida de Galicia e a Avenida de Rosalía de Castro— esténdense alfombras únicas, elaboradas con flores naturais recollidas en distintas parroquias do concello. Cada neno que fai a comuñón ten a súa propia alfombra personalizada, co seu nome e o seu momento de protagonismo. A procesión comeza na igrexa parroquial e volve ao mesmo templo despois de percorrer o corazón do pobo, nun acto cargado de simbolismo e participación colectiva. Os pais sosteñen o palio baixo o que camiña o sacerdote coa custodia, os nenos marchan diante e detrás desfilan as autoridades, familiares e veciños.
Con todo, esta celebración tamén reflicte unha realidade que golpea con forza ao interior galego, o despoboamento. O ano pasado, por primeira vez en catro décadas, non se celebrou ningunha comuñón. Mais este ano as cifras volven e repuntar, cun total de 6 rapaces que recibiran este sacramento.
Un dos seus piares é Amador Rego, deseñador de moitas das alfombras que decoraron estas rúas desde hai 30 anos. O seu traballo, a súa dedicación nocturna e a súa paixón por manter viva esta celebración deixaron pegada en cada edición. Os seus deseños non só homenaxean aos nenos, tamén aos peregrinos do Camiño Primitivo, a recunchos emblemáticos da Fonsagrada ou a escenas relixiosas. Amador acaba de cumprir 68 anos e é, sen dúbida, un dos gardiáns desta tradición que segue florecendo grazas ao esforzo colectivo e a persoas como el, que levan toda unha vida construíndo esta arte efémera.
—Por que comezou a elaborar estas alfombras?
—Sempre me chamou a atención isto, e ademais as miñas pequenas tiñan que facer a comuñón. Empecei a facelas por probar e ao final gustoume tanto que prometín que mentres puidera seguiría facéndoas. Ademais, cada vez teño máis experiencia e xa coñezo máis trucos. Pero non estou eu só, somos uns 12 en total desde aquela.
—Que é o que máis desfruta de participar nesta tradición?
—A propia confección, ver a tanta xente que visita A Fonsagrada e tamén ver a ilusión dos nenos. Sorpréndense moito de ver os seus nomes escritos nas alfombras e sácanse fotos a carón delas. Así mesmo, é un traballo moi colaborativo no que todo o mundo participa buscando flores.
—Como é o proceso de elaboración destas alfombras?
—Empezamos unha semana antes coa elaboración dos padróns e do deseño. Desta volta estou facendo unha alfombra de 25 metros e, lóxicamente, leva tempo facer todo o deseño. Antes faciamos os debuxos na rúa, pero acababamos cos xeonllos e agora empregamos espuma de poliuretano e logo enchemos eses ocos coas flores, con serrín de pino tintado e herba para a cor verde. Cada ano cambiamos de modelo e de cores. Ademais que tonalidades empreguemos depende tamén das flores que nos encontremos. Hai un par de semanas todo era de cor amarelo e agora xa case non hai.
—Esta fin de semana o tempo acompañará a celebración, mais tivestes algunha experiencia negativa por mor da climatoloxía?
—Mal tempo haino case todos os anos, porque o peor non é a chuvia, é o vento. Ademais nesta zona somos propensos a que suceda. Non obstante, un ano si que choveu moito e non a puidemos facer.