Marcos García: «Queremos revitalizar o circuíto da Pastoriza, que estaba apagado»

LUIS CONDE LUGO / LA VOZ

A PASTORIZA

CEDIDA

O edil destaca a importancia do campionato de España de Minivelocidade

20 ago 2024 . Actualizado a las 19:10 h.

A Pastoriza convértese na capital do motor. Dende o venres e ata o domingo, o circuíto desta vila será escenario do Campionato de España de Minivelocidade. O tenente de alcalde da Pastoriza, Marcos García, destaca a importancia dunha proba destas características, na que se darán cita uns 50 pilotos.

—Cantos anos fai que non se celebraba no circuíto da Pastoriza un campionato destas características?

—Dende o ano 2007 non se celebra un campionato así. Levamos un ano dirixindo o Concello e afrontamos con moita ambición esta competición que se desenvolverá entre o venres o vindeiro domingo. Este equipo de goberno aposta decididamente polo motor, tal e como fixo o exalcalde, José Yáñez, no ano 1998.

—Cantos pilotos competirán?

—As previsións apuntan a que serán uns 50 pilotos. Virán de diferentes partes de España, e incluso existe a posibilidade que compitan dous da Pastoriza.

—Que supón celebrar un campionato así na Pastoriza?

—Dálle máis realce ao noso Concello, ao que promociona no resto de España. Hai oito meses que soubemos que se ía celebrar o campionato aquí. Dous meses despois, xa nos dixeron que as prazas hoteleiras estaban cubertas nun 80%, e a día de hoxe están completas. Isto dinamiza os sectores económicos do noso Concello. Hai que darse conta que no circuíto estarán estes días unhas 700 ou 800 persoas.

—Que achega o Concello?

—O orzamento que temos para o campionato é pequeno. Nós facémonos cargo dos trofeos e da loxística. E podo dicir que a día de hoxe xa está todo a punto.

—Como se atopa o circuíto?

—Todos son eloxios cara o circuíto. O que din os pilotos é que o trazado en si é espectacular e envexable. Este circuíto leva feito dende o ano 2.000 e si é verdade que o seu firme está algo deteriorado. A nosa intención, e de feito xa está elaborado o proxecto, é solucionar este problema a maior brevidade posible. Queremos acondicionalo cunha capa de aglomerado. O orzamento estaría en torno aos 135.000 e 150.000 euros. Estamos en contacto coa Xunta para acometer esta actuación. Unha vez que isto estea arranxado, este circuíto será a primeira opción para albergar máis campionatos nacionais.

—Non se entendería A Pastoriza en o motor. Como xorde esta relación?

—Isto xorde alá polo ano 1998 a instancias do exalcalde, José Yáñez. Este circuíto de karting estaba recoñecido como un dos sete mellores de Europa. Pero dende fai un tempo levaba algo apagado. Coa nosa chegada ao goberno municipal revitalizouse, e como xa comentei, a nosa aposta polo motor será decidida.

—Haberá algunha actividade engadida?

—Si, o domingo entre as doce do mediodía e as seis da tarde estará na Pastoriza a foodtruck de Galicia Sabe a Mar, unha iniciativa da Xunta.

—Que mensaxe lle traslada aos lectores?

—Anímoos a que se acheguen á Pastoriza a gozar deste espectáculo do motor e ao mesmo tempo visiten o municipio, que ten moito que ver.