Unha tormenta histórica en As Nogais

fernanda follana BECERREÁ / CORRESPONSAL

AS NOGAIS

Viladicente lembra a riada que en 1943 levou a unha veciña catro kilómetro río abaixo ata afogala

18 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Murió de desgracia siendo arrastrada por una gran riada de agua el día cuatro de octubre de 1943»: O libro de defuncións da parroquia de Viladicente (As Nogais) constata que Manuela Poy López morreu vítima dunha riada catastrófica rexistrada hai sete décadas en As Nogais, tal como tamén recolle a tradición popular. Segundo esta, a tormenta sorprendeu a Manuela co gando no lugar coñecido como Vilar, e arrastrouna algo máis de catro quilómetros ata a acea das Nogais, polos cursos do regueiro Grande, o río Boullón e, xa na capital do concello, polo río Navia. O seu cadáver apareceu o día posterior á tormenta, no rodicio do muíño, espido, aínda cunha media de la, e unha ferida nunha cella.

Foi a peor tormenta que se lembra nas Nogais. Orixinouse no monte de Riomao, a mil metros de altura, a tarde do catro de outubro de 1943. Din que caeron choivas torrenciais e que infernos de auga e lama se encañonaron polos vagantes dos catro regatos que descenden 600 metros de desnivel cara o Navia, arrastrando todo ao seu paso.

Entón a prensa non se fixo eco do suceso, pero pode facerse hoxe, sesenta e oito anos despois porque «permanece vivo na memoria colectiva do pobo de Viladicente», sinala Anxo Eiriz Mouriz, o párroco de As Nogais. O impacto sicolóxico que percibe Anxo nos seus fregueses levouno a documentar os feitos, para que pasen da tradición oral a formar parte da memoria histórica destas parroquias.

Un testigo de excepción

Antonio Legaspi Quiroga foi testigo de excepción da tormenta de 1943. Tiña daquela trece anos e conta que escapou in extremis da trampa mortal en que se convertiu a acea do Mazo, onde se refuxiaron el e mais un grupo de labregos. «Estabamos botando o pan; unha cortina de néboa achegouse desde Riomao e cubriuno todo. Fómonos abrigar na acea. Lembro estar subido nas vigas porque a auga inundaba o interior. Fóra, se a broza atascaba dun lado da acea, a auga corría polo outro, e ao revés». Nunha mostra de sangue frío, o grupo de campesiños, din que eran sobre oito, esperaron a ocasión para saír pola ventá e correr monte arriba. Legaspi conta que chegaron á aldea de Vilela. «Aínda de día porque todo sucedeu nun momento».

Dous olmos, que xa non están, serviron de dique e impediron que a forza da auga e o material que arrastraba se levaran a acea, seguramente na peor ubicación posible, onde conflúen os catro vagantes ou regatos que descenden verticais dende Riomao. As lembranzas de Legaspi compoñen un cadro aterrador no entorno do muíño: «Aquí había dous ou tres burros atados que quedaron co cú pegado ao teito ?Legaspi mostra un alpendre anexo á acea-; naquel vianteiro vimos parte da camisa da muller de Viladicente; e o río aínda non volvera ao sitio, porque os sedimentos arrastrados pola riada subiran o nivel do cauce». Pero Legaspi adquiriu a propiedade da acea e agora está rehabilitándoa para que «volva a funcionar como o facía antes».

Riadas frecuentes nas Nogais

Riomao, do latín rivus malus, río malo. ¿Indica a toponimia que a tormenta catastrófica de 1943 tivo antecedentes? Non constan rexistros anteriores a esta data, pero as riadas deberon ser frecuentes nas Nogais antano. Antonio Legaspi afirma que viu chover coa intensidade daquela tarde de outono polo menos outras dúas veces. De feito a poboación das Nogais sufriu outra riada forte nos anos cincuenta, esta vez dende as montañas da Lagúa. Os veciños contan que unha meda na que se amontoaba o centeo para a malla baixou polo río, atrancando o arco dunha ponte e provocando a inundación.

Para evitar os efectos das riadas frecuentes noutro tempo nas Nogais existe un dique coñecido como «la muralla».

Pero Legaspi recorda que a paisaxe cambiou moito desde os anos da súa nenez, o que pode determinar que nas últimas décadas non se teñan rexistrado riadas. «Daquela estaba todo cavado e non había árbores que tiveran conta da terra». Segundo estas valoracións de Legaspi, a reforestación na montaña ancaresa, produto do abandono do rural, pode ter evitado catástrofes como a daquela tarde do catro de outono de 1943.

crónica traxedia na montaña