Carmen Méndez, actriz de Baralla: «Nacín co xerme da interpretación, e estou orgullosa de que florecese no rural»
BARALLA

A barallense recibirá este venres o VII Premio á difusión da lingua e a cultura galega nos Ancares no IES de Becerreá
15 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A actriz Carmen Méndez (Baralla, 1979) volta ao IES de Becerreá este venres,16 de xuño, o lugar no que pasou a súa adolescencia e onde deu os seus primeiros pasos como artista interpretando pequenos papeis nos grupos de teatro do centro, para recibir o VII Premio á difusión da lingua e a cultura galega nos Ancares, un recoñecemento que compartirá xunto ao grupo de música tradicional de Cervantes Os Xardois.
—Que supón para vostede voltar ao seu instituto, pero neste caso cun recoñecemento á difusión da cultura ancaresa?
—Estou moi agradecida de que pensaran en min. Faime moitísima ilusión regresar ao lugar no que pasei a miña dolescencia e poder reecontrarme con profesores que me deron clases e que aínda continúan a día de hoxe. Eu estudiei no instituto, primeiro en Baralla, e os últimos cursos en Becerreá, onde ademais tamén participei no grupo de teatro.
—Sendo dunha aldea tan pequena como Neira de Rei, en Baralla, como foi abrirse paso no mundo da interpretación?
—Non foi fácil. Pero o certo é que dende ben pequena eu vía que tiña algo dentro de min que facía que me vise atraída cara todo o relacionado coas artes escénicas. Non foi doado decidir que me quería dedicar a isto, máis que nada porque tiña moi poucos referentes na aldea. Para ir ao teatro ou ao cine tiñamos que ir a Lugo, pero, ao final, cando levas algo dentro, acaba saíndo. Eu vía películas na casa e pasaba o día imitando secuencias, ou lía o xornal coma se fose presentora. O xerme da interpretación sempre estivo presente aí, e o lugar no que naces e no que vives ten moitísima influencia, e estou orgullosa de que fose no rural.
—E aínda con iso decidiu estudar Enxeñaría Química. Cando decidiu deixar de lado o mundo das ciencias?
—Eu fun a Madrid a estudar e tamén comecei a compaxinalo con talleres de teatro. En canto empecei a ter un maior acceso ao mundo cultural decidín dar o salto cara aí. Dixen: isto é o que son e o que quero ser, así que deixei o traballo de enxeñeira, que exercín durante un tempo, e fun para adiante. O meu entorno sempre me apoiou. É certo que a miña nai preferiría que seguise dando clases, pero respeta o que fago e non teño queixa.
—Cre que hai un maior acceso na actualidade á cultura dende o rural? Ou ten unha visión máis pesimista?
—Eu penso que todo vai a mellor. As asociacións culturais das vilas e das aldeas fan un estupendo traballo para achegar ao rural novas formas de ver a vida, e iso é moi importante. O teatro, o cine, a escritura ou a literatura son ámbitos que se concentran nas cidades, pero a cousa vai a mellor. Eu son moi optimista co rural, porque é a base de todo, e debemos poñelo en valor entre todos.
—E agora, en que proxectos profesionais se atopa?
—Este domingo 18 de xuño estrearemos a segunda tempada da serie «Saudade de ti», que se emitirá durante todo o verán na CRTVG. Tamén traballo nun espectáculo de comedia chamado «A rumorosa» na Coruña e estou rematando unha curtametraxe documental, na que me estou estreando detrás da cámara, e que ademais estou gravando en Neira de Rei, polo que me fai especial ilusión. Teño moitísimas gañas de que a vexa todo o mundo.
—Máis recentemente participou en «Asteroid City», o último filme de Wes Anderson. Como foi para vostede gravar cun dos directores máis afamados do mundo?
—Fixen un papel moi pequeno, e estiven gravando durante tres días en Madrid con actores da talla de Scarlet Johansson, Tom Hanks ou Edward Norton, que incluso nos deu unha clase maxistral. Poder estar nunha produción destas características foi unha sorte e un gran privilexio para min, sobre todo por estar a carón de profesionais deste nivel. Non teño palabras.
—De todos os papeis que interpretou ata o de agora, a cal lle garda un maior cariño?
—Cada un ten o seu, pero é certo que Rita da serie de «Pazo de Familia» foi moi especial, porque estiven moito tempo interpretándoa, e para min foi como cando tes o primeiro fillo en brazos. Os personaxes achegan moitas cousas a nivel persoal e axudan a coñecerte mellor a ti mesmo.