O veciño dos Ancares que abre as portas da súa casa ao mundo: «Doulle cama a quen faga falta»
BECERREÁ
Xosé Espín, coñecido en toda a montaña de Lugo e parte de Galicia, recibiu este sábado o «Foucín de Honra» da Asociación Rente ao Couce de Becerreá. Quen máis o coñece sabe que o merece despois de toda unha vida loitando polo territorio
14 dic 2024 . Actualizado a las 21:48 h.Falar de Xosé Espín, que pode considerarse un dos homes máis famosos da montaña de Lugo, non é fácil. Espín é voluntario, amigable, solidario e sociable, moi sociable. Pola súa cabeza pasan ao día incontables ideas que sempre teñen dous obxectivos principais: axudar aos demais ou loitar pola conservación do territorio. E na maioría das ocasións ambas filosofías van unidas.
«É certo que sempre ando dun lado para outro, intentando desbrozar camiños, pero son feliz así», confesa Espín. Ninguén podería definilo mellor ca el mesmo, pois é precisamente ese, o seu afán por ir sempre máis aló, o principal motivo que o leva este ano a recoller o Foucín de Honra da Asociación Rente ao Couce de Becerreá. Dende o colectivo explican que o escolleron a el «porque está en todo e todo o apoia». Certo é que non puideron acertar máis.
Leva un par de semanas coma un neno pequeno, cun sorriso que non se borra da súa cara. Sabe, e sábeno todos os que o coñecen, que recolle un premio máis ca merecido. Espín ten ao seu lombo unha vida chea de recordos e unha axenda na que non collen máis contactos. Moitos deles ata se achegaron onte a Becerreá, a Feira do 12, recuperada fai uns anos por Rente ao Couce, para velo recoller tan agardado premio.
Un premio que representa, ademais, valores cos que el predica dende sempre. Tradición, arte, cultura, música e respecto cara o pasado. Falou Espín no seu discurso das feiras e a súa evolución no tempo, tamén sobre a importancia que teñen como lugares de encontro e comercio de proximidade. El foi quen puxo en marcha a Feira dos Oficios na súa aldea natal, en Doncos, onde tamén percorreu un gran camiño, o da vida, coa súa muller Marta, para a que sempre garda boas palabras.
Espín chegou a ser alcalde de As Nogais polo BNG pouco despois de cumprir os 20 anos, suficientes para deixar unha forte pegada. Traballou na mina de Rubiais e montou unha tenda de electrodomésticos en Becerreá, sen deixar nunca de lado a carpintería, oficio herdado seu pai. Da súa boca saíron este sábado incontables cancións e verbas de agradecemento.
A súa casa, un centro multicultural
Espín ten as portas da súa casa abertas ao mundo. Pasaron por ela dende peregrinos chinos ata ingleses que foi coñecendo no Camiño. O último un rapaz mexicano, de Chiapas, ao que durante unha semana lle ensinou con todo o cariño os recunchos e formas de vida da montaña. Sempre di que «doulle cama a quen faga falta».