Fernando Saavedra, presidente da asociación Virxe da Portería, de Castro de Rei: «Queremos dinamizar a vida no pobo»

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTRO DE REI

Fernando Saavedra tamén é cortador de xamón
Fernando Saavedra tamén é cortador de xamón CEDIDA

O colectivo organiza un campionato de tute para este sábado, día 22, e recuperarán a festa do Corpus o 21 de xuño

18 feb 2025 . Actualizado a las 12:54 h.

Hai un ano que unha nova directiva tomou as rendas da Asociación Veciñal Virxe da Portería, da Ponte de Outeiro (Castro de Rei). Na presidencia está Fernando Saavedra, que explica as actividades que teñen previsto celebrar nos próximos meses; a máis inmediata, un campionato de tute este sábado, día 22, ás 19.00 horas no teleclub da parroquia.

—En que consistirá o campionato do sábado?

—Será un campionato de tute con 32 parellas (64 persoas) e xa está completa a inscrición, con xente da zona. Haberá premios e unha cea.

—Como xurdiu a idea de facer esta actividade?

—É a primeira vez que se fai e o obxectivo principal é facer cousas aquí no rural, queremos dinamizar a vida no pobo. E tamén o facemos para recadar diñeiro para a asociación.

—Por que decidiu asumir a presidencia da asociación?

—Máis ben, animáronme a facelo. Había que renovar a directiva e un grupo de xente do pobo decidimos presentarnos para darlle vida á parroquia. Xente nova hai pouca, pero os veciños que hai participan. Xa organizamos tamén un magosto e un bingo, e tiveron moito éxito.

—Que outras actividades organizarán?

—A seguinte actividade será una cea en marzo, a base de cocido de porco celta, con produtos da miña granxa, Porco Celta Outeiro. Se ten éxito, o ano que vén farémola con maiores dimensións.

—E farán algunha festa?

—Temos previsto recuperar a festa do Corpus, que levaba 35 anos sen celebrarse. Antigamente, organizábana cando se licenciaban da mili. Aproveitaremos esa festa, que será o 21 de xuño, para que coincida tamén coa tradicional comida veciñal da parroquia e faremos ademais unha festa da xuventude.