
Adxudica por un millón de euros o contrato de prestacións básicas e dá outro paso para abrir en febreiro a de Pedrafita
29 nov 2020 . Actualizado a las 17:14 h.O goberno da Deputación aprobou o pasado venres 27 a adxudicación por un millón de euros do contrato de prestacións básicas para abrir antes de finalizar o ano o Centro de Atención a Maiores de Castroverde, e a principios do ano que vén, o de Pedrafita, coa adxudicación de material e equipamento para as instalacións.
No caso de Castroverde, o contrato para as prestacións básicas da residencia inclúe o servizo de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro, ademais de peitado-barbería e quiropedia. «Terá vixencia ata o 20 de xuño de 2022 e foi adxudicado á unha empresa da provincia, en concreto, do concello da Fonsagrada, que actualmente tamén presta servizos na residencia da Deputación neste concello da Montaña», explicou a voceira e deputada socialista Pilar García Porto.

No caso de Pedrafita, quedou aprobada a adxudicación do subministro e equipamento para lavandería e artigos de cociña. «Adxudicouse tamén a outra empresa da provincia, neste caso a Mariña Clima S.L., por importe de 52.417€», detallou Pilar García Porto, quen avanzou ademais que, con respecto a esta residencia, «estamos a tramitar un procedemento negociado para contratar as prestacións básicas de servizos, logo de que a licitación quedase deserta».
Con respecto á apertura destes dous centros de maiores -que se sumarán aos de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada ? «a nosa previsión é que a residencia de Castroverde estea funcionando durante todo o próximo ano e que a de Pedrafita abra no mes de febreiro. Así o recollemos nos Orzamentos 2021 que contamos aprobar o vindeiro luns no Pleno extraordinario», subliñou a deputada do PSOE